Ganso de Hutchins

O ganso de Hutchins[2] (Branta hutchinsii) é unha especie de ganso que vive en América do Norte e leste de Asia.

Ganso de Hutchins

Ganso de Hutchins das Aleutianas
(B. h. leucopareia)
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Branta
Especie: Branta hutchinsii
(Richardson, 1832)

Subespecies
  • B. h. hutchinsii
    (Richardson, 1832)
  • B. h. asiatica
    (Aldrich, 1946) (disputed; extinct)
  • B. h. leucopareia
    (Brandt, 1836)
  • B. h. taverneri
    (Delacour, 1951)
  • B. h. minima
    (Ridgway, 1885)
Sinonimia

Branta canadensis hutchinsii

Sistemática

editar

O nome do xénero Branta é a forma latinizada do nórdico antigo Brandgás, "ganso queimado (negro)", e o epíteto de especie hutchinsii déuselle en honra do cirurxián inglés Thomas Hutchins, quen foi empregado pola Compañía da baía de Hudson.[3]

O ganso de Hutchins fora tradicionalmene considerado a mesma especie ou unha subespecie do ganso do Canadá, mais en xullo de 2004 o Comité de Clasificación e Nomenclatura da Unión de Ornitólogos Americana (AOU) dividiunos en dúas especies, elevando o ganso de Hutchins á categoría de especie co nome científico Branta hutchinsii.

A AOU repartiu as moitas subespecies asociadas que existían entre ambos animais. Á especie ganso de Hutchins asignáronselle as seguintes:

  • B. h. hutchinsii, de Richardson
  • B. h. leucopareia, das Aleutianas
  • B. h. minima, pequeno
  • B. h. taverneri, de Taverner
  • B. h. asiatica, de Bering, extinguido (c.1929); é dubidoso que fose distinto de B. h. leucopareia.

A distinción entre os gansos do Canadá e de Hutchins causou moita confusión e debate entre os ornitólogos. Isto foi agravado polo solapamento entre os pequenos tipos de ganso do Canadá e os grandes tipos do ganso de Hutchins. O vello "ganso do Canadá menor" pensábase que constituía unha poboación parcialmente híbrida, e as aves chamadas taverneri eran consideradas unha mestura de minima coas subespecies occidentalis e parvipes, que hoxe permanecen dentro do taxon do ganso do Canadá propiamente dito. Porén, en realidade, taverneri é unha subespecie máis grande de ganso de Hutchins. Ademais, determinouse que o ganso de cara branca (B. leucopsis) deriva da liñaxe do ganso de Hutchins, mentres que o ganso de Hawai (B. sandvicensis) é un representante insular do ganso do Canadá.

Despois da discusión xerada pola designación oficial de especie separada, introducida pola AOU en 2004, Harold C. Hanson publicou un artigo en 2007 suxerindo que os gansos do Candá e de Hutchins deberían dividirse en seis especies e 200 subespecies. A radicalidade desta proposta suscitou sorpresa, e Richard Banks da AOU pediu precaución antes de que se aceptasen as propostas de Hanson.[4] Esta Unión Ornitolóxica non introduciu ningunha nova designación desde entón.

Descrición

editar

A cabeza e pescozo negros con "correa" branca pola cara distinguen este ganso de todos os outros gansos excepto o ganso do Canadá (Branta canadensis), máis grande, e do ganso de cara branca (B. leucopsis), de similar tamaño. Existen cinco subespecies de ganso de Hutchins de varios tamaños e detalles de plumaxe. A femia parece virtualmente idéntica pero é lixeiramente máis clara e ten unha voz diferente. Algúns individuos son difíciles de distinguir do ganso do Canadá, dentro do cal antes se asumía que o de Hutchins estaba incluído, formando unha soa especie, e o ganso de Hutchins e a subespecie do ganso do Canadá pequeno chamábanse ganso do Canadá menor. Os gansos de Hutchins máis pequenos, de 1,4 kg, (B. h. minima) son moito máis pequenos que calquera ganso do Canadá, pero a subespecie B. h. hutchinsii, de ata 3 kg, medra ata o mesmo tamaño que algúns gansos do Canadá. A distinción da poboación extinta das illas Komandorski e as Kuriles B. h. asiatica é controvertida. O ganso de cara branca difire en que ten un peito negro e gris, en lugar dunha plumaxe corporal amarronada.

Medidas:[5]

  • Lonxitude: 63-65 cm
  • Peso: 1400-2380 g
  • Envergadura alar: 108-111 cm
 
B. h. minima chocando ovos.

Distribución e reprodución

editar

Esta especie é nativa de América do Norte, reproducíndose no norte do Canadá e en Alasca en diveros hábitats de tundra, onde localizan o niño normalmente nunha área elevada preto da auga. Poñen os ovos nunha depresión pouco profunda forrada con material vexetal e penuxe. Porén, como os niños os fan preto ou directamente sobre o chan, os ovos (xunto coas femias que nidifican soas e as crías acabadas de eclosionar) son especialmente vulnerables á predación por certos mamíferos carnívoros. Dependendo da rexión, as posibles ameazas poden variar desde os gatos domésticos soltos ou ferais e cans soltos, ata raposas, coiotes, ratas e outros animais, como algunhas especies de serpes. Como resultado, ambos os sexos —especialmente o macho— dunha parella nidificante son moi agresivos e defensivos no sitio de nidificación, mesmo expulsando a persoas que puidesen pasar por alí.

Unha parella pode manter o seu vínculo toda a vida (arredor de 20 anos). Os gansos adultos vense a miúdo guiando as súas crías que van en fila detrás cun dos proxenitores diante e o outro ao final do "desfile".

Como a maioría dos gansos, o ganso de Hutchins é unha ave migratoria, que pasa o inverno na maior parte dos Estados Unidos (localmente no oeste do Canadá, a costa oeste dos Estados Unidos e o norte de México). As chamadas que se poden oír das grandes bandadas de gansos de Hutchins, que voan na súa típica formación en "V", sinalan as transicións á primavera e outono. Nalgunhas áreas as rutas de migración cambian debido ás variacións nos hábitats deispoñibles, no ambiente e fontes alimenticias.

Como aves vagantes poden chegar a Europa occidental pola súa propia vontade, como proban os anelamentos recuperados e avistamentos documentados. As aves albiscadas en Europa son de, polo menos, a subespecie hutchinsii, e posiblemente doutras. Tamén se atopan de forma natural como vagantes arredor da península de Kamchatka en Siberia, leste da China, e nas illas do Xapón. Con todo, a IUCN considera que a especie foi erradicada do Xapón, onde previamente establecera unha poboación non reprodutora (de inverno). Recentemente foron reintroducidas no Xapón e Siberia.[1]

 
Familia de B. h. minima

Alimentación

editar

Estas aves aliméntanse principalmente de material vexetal. Cando se alimentan na auga, mergullan as cabezas e pescozos para apañar as plantas acuáticas do fondo, ás veces inclinándose cara adiante como un anatino. Bandadas destas aves aliméntanse a miúdo de grans sobrantes das colleitas que quedan nos campos, especialmente durante a migración ou en inverno. Tamén comen algúns insectos, moluscos e crustáceos.

Conservación

editar

A sobrecaza a inicios do século XX, e a perda de hábitat a finais do século XIX e comezos do XX tivo como resultado un grave declive no número destas aves na súa área de distribución nativa. Coa mellora nas leis de caza, a restauración do hábitat e programas de conservación, as poboacións recuperáronse na maior parte da súa área de distribución, aínda que algunhas poboacións locais poden estar aínda en declive, especialmente as das subespecies minima e leucopareia. Aínda que a distinción taxonómica das poboaciósn das illas Komandorski e Kuriles, que adoitaban pasar o inverno no Xapón, é polémica, non hai dúbida de que desapareceron arredor de 1929.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar