Galegos nos Xogos Olímpicos de 2012
A representación de Galicia nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 estivo composta por 11 deportistas integrados no equipo olímpico español, 3 homes e 8 mulleres. Foi un deportista menos dos que participaron nos Xogos de Beijing 2008. Entón foron 12 os participantes, cunha colleita de 4 medallas.[1]
Os 11 participantes galegos supuxeron apenas un 3,9 % dos 282 representantes que tivo España nos Xogos. Esta baixa porcentaxe debeuse en boa medida pola case inexistente presenza de xogadores galegos nas seleccións nacionais dos deportes de equipo (fútbol, baloncesto, balonmán, wáter-polo, hóckey herba, ciclismo, ximnasia ou natación sincronizada).
Nesta edición dos Xogos Olímpicos, 5 dos 11 representantes galegos acadaron o seu obxectivo de ser medallistas. A porcentaxe de éxito foi dun 45,45 %, moi superior á media do resto do equipo olímpico español.
Participantes
editarA seguinte táboa amosa a lista dos deportistas galegos que participaron nas diversas probas da cita olímpica londiniense:
Deporte | Deportista | Proba | Resultado |
---|---|---|---|
Atletismo | Alessandra Aguilar | Maratón | 26ª (2:29:19) [2] |
Atletismo | Vanessa Veiga | Maratón | 98ª (2:46:53) [2] |
Balonmán | Begoña Fernández | Torneo feminino | bronce [3] |
Fútbol | Diego Mariño | Torneo masculino | non chegaron a cuartos de final [4] |
Natación | Beatriz Gómez | 200m estilos | 16ª (2:15:12) [5] |
Piragüismo | David Cal Figueroa | C-1 1000m masculino | prata (3:48:053) [6] |
Piragüismo | Teresa Portela | K-1 200m feminino | 4ª (45:326) [7] |
Tiro con arco | Iria Grandal | Individual feminina | dezaseisavos de final [8] |
Tríatlon | Javier Gómez Noya | Proba masculina | prata (1:46:36) [9] |
Vela | Támara Echegoyen | Elliott 6m | ouro [10] |
Sofía Toro | ouro |
Alessandra Aguilar e Vanessa Veiga
editarAs dúas atletas disputaron o maratón feminino o domingo 5 de agosto. Aguilar rematou no 26º lugar, cun tempo de 2:29:19, e Veiga cruzou a meta no posto 98, cun tempo de 2:46:53.
Begoña Fernández
editarA pivote da selección española feminina de balonmán Begoña Fernández debutou o 28 de xullo fronte a Corea do Sur. Os seguintes encontros foron o 30 de xullo fronte a Francia, o 1 de agosto fronte a Dinamarca, o 3 de agosto fronte a Suecia e o 5 de agosto fronte a Noruega. De seguido xogou os cuartos de final, o 7 de agosto, onde a selección española venceu a Croacia. Dous días máis tarde, perderon nas semifinais contra Montenegro por 26-27, o que as levou a xogar o partido polo bronce contra as perdedoras da outra semifinal, Corea do Sur. O partido disputouse o 15 de agosto, resultando vencedoras as españolas por 31-29. Fernández anotou 22 goles durante a competición.
Diego Mariño
editarO porteiro Diego Mariño ocupou o banco nos tres partidos do torneo olímpico masculino que xogou a selección española, fronte ao Xapón, Honduras e Marrocos, recibindo un cartón amarelo no segundo.
Beatriz Gómez
editarA nadadora pontevedresa Beatriz Gómez Cortés foi última da súa semifinal, cun tempo de 2:15:12.
David Cal
editarO padexeiro David Cal disputou a primeira rolda e as semifinais do C-1 1000m o día 6 de agosto, e a final o 8 de agosto, acadando a medalla de prata.[11]
Teresa Portela
editarTeresa Portela pasou pola rolda previa e polas semifinais de K-1 200m o día 10 de agosto mentres que a final tivo lugar ó día seguinte. A piragüista galega rematou en cuarto lugar, a tan só dúas décimas do bronce.
Iria Grandal
editarA ferrolá Iria Grandal García comezou a competición de tiro con arco o día 27 de xullo. Conseguiu chegar ata a rolda de dezaseisavos de final, onde perdeu perante a surcoreana Hyeonju Choi.
Javier Gómez Noya
editarA proba de tríatlon na que participou Javier Gómez Noya tivo lugar o 7 de agosto, acadando a medalla de prata cun tempo de 1:46:36.[12]
Támara Echegoyen e Sofía Toro
editarA viguesa Támara Echegoyen Domínguez e a coruñesa Sofía Toro participaron, canda a asturiana Ángela Pumariega, na proba olímpica da Clase Elliott 6m. A competición disputouse, por primeira vez nuns Xogos Olímpicos, baixo o sistema match race.
As regatas da liguiña inicial tiveron lugar entre o 29 de xullo e o 4 de agosto, fase na que a embarcación das galegas quedou clasificada en terceira posición. Tras vencer a Francia (3-0) e a Rusia (2-1) nos cuartos de final e na semifinal, respectivamente, as galegas alcanzaron a final do torneo. O día 11 de agosto, logo dunha axustadísima eliminatoria, Echegoyen, Toro e Pumariega foron quen de vencer por 3-2 á difícil embarcación australiana. O ouro acadado por estas dúas regatistas marcou un fito na historia do deporte galego, ao se tratar da primeira medalla olímpica conseguida por unha muller galega.
Notas
editar- ↑ "Cuenta atrás para Londres 2012", artigo no Faro de Vigo, 27 de xullo de 2011 (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 Resultados oficiais do maratón feminino. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 16 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados oficiais da competición de balonmán feminino. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 16 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados da selección española na competición de fútbol masculino. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 16 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados oficiais da semifinal de Beatriz Gómez nos 200m estilos. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 16 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados oficiais da proba de C-1 1000m masculino. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 8 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados oficiais da proba de K-1 200m feminino. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 16 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados de Iria Grandal na competición de tiro con arco Arquivado 15 de agosto de 2012 en Wayback Machine.. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 16 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados oficiais da proba de tríatlon masculino. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 7 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ Resultados oficiais da clase Elliott 6m. Páxina web oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Consultado o 16 de agosto de 2012. (en inglés)
- ↑ "David Cal fai historia e dálle a segunda medalla a Galicia". En Praza Pública. Consultado o 8 de agosto de 2012.
- ↑ "Gómez Noya entra no Olimpo cunha medalla de prata". En Praza Pública. Consultado o 7 de agosto de 2012.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Lista de medallistas olímpicos galegos
- Galegos nos Xogos Olímpicos de 2016
- Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020