Gabriel Lippmann
Gabriel Jonas Lippmann, nado en Bonnevoie[1] o 16 de agosto de 1845 e finado no océano Atlántico o 13 de xullo de 1921, foi un físico luxemburgués e francés, galardoado co Premio Nobel de Física en 1908 polo seu método de reprodución das cores en fotografía, baseado no fenómeno da interferencia. O seu descubrimento permite a reconstitución íntegra do conxunto das lonxitudes de onda reflectidas por un obxecto.
Traxectoria
editarGabriel Lippmann naceu en Luxemburgo no seo dunha familia xudía de orixe francesa. Estudou en París, no liceo Henri IV e a partir de 1868 na Escola Normal Superior. A pesar de ser un alumno brillante era pouco amante da disciplina. Suspende as oposicións ás cátedras de instituto. A súa carreira académica non foi especialmente brillante, xa que só se concentraba naquelas materias que lle interesaban, menosprezando as outras. Viaxa a Alemaña para participar nunha misión científica oficial, o que lle permite traballar con Wilhelm Kühne e Gustav Kirchhoff en Heidelberg e con Hermann Ludwig von Helmholtz en Berlín.
Lippmann regresa a París a principios de 1875, e empeza a traballar primeiro na súa propia casa e máis adiante na Sorbona. Defende a súa tese doutoral en Ciencias o 24 de xullo dese mesmo 1875. Incorpórase entón ao Laboratorio de Investigacións Físicas de Jules Jamin, vinculado á Escola Práctica de Altos Estudos, ata o seu nomeamento como profesor na Facultade de Ciencias de París en 1878.
En 1883, recibe o nomeamento de profesor de física matemática na Sorbona, sucedendo nese posto a Charles Briot, e en 1886 o de profesor de física xeral, sucedendo a Jules Jamin, e o seu substituto na cátedra de matemáticas será Henri Poincaré. Ese mesmo ano, é elixido na Academia de Ciencias, en substitución de Paul Desains (Lippmann obtén 31 votos, contra 20 de Henri Becquerel), Academia da que será presidente en 1912. pasa tamén a ser director do Laboratorio de Investigacións Físicas.
Foi presidente de honra da Sociedade Francesa de Fotografía entre 1897 e 1899, sucedendo no cargo a Étienne-Jules Marey, e participou na creación do Instituto de Óptica Teórica e Aplicada.
Lippmann traballou en moitos campos, como a electricidade, termodinámica, óptica e fotoquímica. En Heidelberg, estudou a relación existente entre os fenómenos eléctricos e capilares. Precisamente sobre este tema elaborou a súa tese doutoral (Relacións entre os fenómenos eléctricos e capilares). Estas investigacións foron a base necesaria para a construción dun instrumento de precisión denominado electrómetro capilar, que se utilizaba nos primeiros electrocardiógrafos e do coelostato, instrumento que compensa a rotación da Terra e permite fotografar unha rexión do ceo deixándoa aparentemente fixa.
Inventou o procedemento de fotografía en cor "Lippmann", que ata 2005 seguía sendo o único que podía fixar o conxunto das cores do espectro no canto de efectuar unha descomposición trícroma (que é, ademais, irreversible). O procedemento, que fixa as franxas de interferencia da luz, é caro (ao necesitar o uso de mercurio) e require un tempo de exposición prolongado, pero en canto a calidade non foi aínda superado nos nosos días. É ademais especialmente interesante posto que é o único que permite unha análise cromatográfica completa a posteriori das cores fixadas, o que é por natureza imposible cos procedementos tricromos. O procedemento de Lippmann serviu de base no descubrimento dos hologramas
Lippmann morreu no mar mentres regresaba dunha visita aos EUA.
Fotografía
editarO profesor Lippmann desenvolvera a teoría xeral do seu procedemento de reprodución fotográfica das cores en 1886, pero este non se presentou ante a Academia das Ciencias ata o 2 de febreiro de 1891. O procedemento está fundamentado nun método interferencial. En 1893 puido presentar ante a academia fotógrafías tomadas polos irmáns Lumière nas que se reproducían as cores cun excelente ortocromatismo. Publicou de modo completo a súa teoría en 1894. Para fixar as cores, utiliza unha placa de cristal recuberta dunha emulsión fotosensible a base de nitrato de prata e de bromuro de potasio. A continuación, a luz entra entra na máquina e segue dous camiños diferentes para impactar na placa e facer que reaccionen as partículas de prata.
Non hai que confundir este procedemento co Autochrome dos propios irmáns Lumière, máis coñecidos, e que nos deixaron imaxes en cor de finais do Século XIX. Este procedemento funcionaba con pigmentos.
Notas
editar- ↑ Cf. p. 82: J.A. Massard (1997): Gabriel Lippmann et le Luxembourg. in: J.P. Pier & J.A. Massard (éds): Gabriel Lippmann: Commémoration par la section des sciences naturelles, physiques et mathématiques de l’Institut grand-ducal de Luxembourg du 150e anniversaire du savant né au Luxembourg, lauréat du prix Nobel en 1908. Luxembourg, Section des sciences naturelles, physiques et mathématiques de l’Institut grand-ducal de Luxembourg en collaboration avec le Séminaire de mathématique et le Séminaire d’histoire des sciences et de la médecine du centre universitaire de Luxembourg: 81-111.
Ligazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Gabriel Lippmann |
- Biografía na web oficial do Premio Nobel (en inglés)
- A fotografía interferencial de Lippmann, método perfecto e esquecido de reprodución das cores por Daniel Girardin (en francés).