Farsa de Ávila
A farsa de Ávila foi unha cerimonia que tivo lugar nos arredores de Ávila o 5 de xuño de 1465, cando un grupo de grandes nobres casteláns depuxo en efixie o rei Henrique IV de Castela e proclamou rei no seu lugar o seu medio-irmán o infante Afonso, máis coñecido como "Afonso o Inocente". O nome de farsa foi dado polos detractores á proclamación, e con ese nome pasou á historia. Porén, hoxe en día, a denominación de "farsa" é rexeitada pois interprétase que foi unha deposición real.[1]
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/c/c2/Cartuja_de_Miraflores_%28Burgos%29_-_Tumba_de_Alfonso_de_Castilla_-_Detalle.jpg/220px-Cartuja_de_Miraflores_%28Burgos%29_-_Tumba_de_Alfonso_de_Castilla_-_Detalle.jpg)
Antecedentes
editarDurante o reinado de Henrique IV os diversos bandos nobiliarios loitaron entre eles e contra o rei para acaparar parcelas de poder. O poderoso marqués de Villena estaba descontento co trato de favor de Enrique aos seus rivais os Mendoza e o valido Beltrán de la Cueva. O marqués formou unha alianza contra o rei xunto cos arcebispos de Toledo, Sevilla e Santiago, a familia Enríquez, os condes de Plasencia e de Alba e outros nobres e eclesiásticos menores.[2]
O 11 de decembro de 1464 a liga en contra do rei Henrique deu un ultimato: si o rei non rectificaba no seu comportamento e non se desfacía do seu goberno, destituiríano.[3] Henrique tratou de negociar pero non houbo acordo e o rei foi deposto, primeiro en Plasencia o 27 de abril de 1465 e, a continuación, en Ávila o 5 de xuño.[4]
Desenvolvemento da cerimonia
editarSobre un gran taboado visible desde gran distancia, os conxurados colocaron unha estatua de madeira que representaba ao rei vestido de loito e ataviado coa coroa, o bastón e a espada reais. Na cerimonia estaban presentes Alfonso Carrillo arcebispo de Toledo, o marqués de Villena, o conde de Plasencia, o conde de Benavente e outros cabaleiros de menos status, ademais dun público composto por persoas do pobo chan. Tamén se atopaba alí o infante Afonso, que por entón aínda non chegaba aos 13 anos de idade.[4]
Celebrouse unha misa e, unha vez terminada, os rebeldes subiron ao taboado e leron unha declaración con todos os agravios dos que acusaban a Henrique IV. Segundo eles, o rei mostraba simpatía polos musulmáns, era homosexual, tiña un carácter pacífico e, a acusación máis grave, non era o verdadeiro pai da princesa Xoana, á que xa que logo negaban o dereito a herdar o trono.[4]
Tralo discurso, o arcebispo de Toledo quitoulle á efixie a coroa, símbolo da dignidade real. Daquela o conde de Plasencia quitoulle a espada, símbolo da administración de xustiza, e o conde de Benavente quitoulle o bastón, símbolo do goberno. Para rematar, Diego López de Zúñiga, irmán do conde de Plasencia, derribou a estatua gritando Á terra, puto![4] Seguidamente subiron ao infante Afonso ao taboado, proclamárono rei ao grito de Castela, polo rei don Afonso! e procederon á cerimonia do beixamáns.[4]
Consecuencias
editarO novo rei, proclamado como Afonso XII, foi considerado unha marioneta en mans do marqués de Villena e non foi aceptado por unha gran parte do país, que se mantivo leal a Henrique IV. A situación dexenerou en disturbios que duraron ata a morte de Afonso en 1468 e o sometemento da súa irmá Isabel á autoridade de Henrique IV,[4] pero de feito chegou a gobernar como Afonso XII durante o trienio que durou a súa vida e mantivo, como descubriu o investigador Óscar Perea, unha Corte cunha activa vida cultural na cal figuraban cabaleiros tan importantes como Diego Gómez Manrique e o seu sobriño Jorge, o xurista Nicolás de Guevara e o poeta cancioneril Juan Álvarez Gato ou o historiador Diego de Valera, maestresala do rei en 1467, separadamente do propio Marqués de Villena; tamén Rodrigo Alfonso Pimentel, Conde de Benavente, e Pedro de Villandrando, Conde de Ribadeo, e Diego de Ribeira, ayo do príncipe Afonso e cabaleiresco maior da súa corte, ou Sancho de Vermellas, señor de Cavia e Monzón e alcalde maior dos fidalgos de Castela; Martín de Távara; o prior de Osma, xurista e capelán real de don Afonso XII Francisco Gómez de Miranda e outros. Por certo que na súa capela figuraban cantores tan destacados como Diego Rangel. Don Diego Gómez Manrique organizou festexos e compuxo momos teatrais para celebrar o aniversario real nos que as damas da Corte facían o papel de fadas.[5] Da brillantez desta corte fíxose lingua o propio Jorge Manrique nas súas Coplas a la muerte de su padre:
- Pues su hermano el Inocente,
- que en su vida subcesor
- se llamó,
- ¡qué corte tan excelente
- tuvo y quánto gran señor
- que le siguió!
Máis adiante, o marqués de Villena, os seus parentes e parte dos seus aliados romperon con Isabel e, ao morrer Henrique en 1474, apoiaron á princesa Xoana como herdeira ao trono, aínda que non poucos dos integrantes da Corte de Afonso XII pasáronse ao bando isabelino e prosperaron nel. Estalou así a Guerra de Sucesión castelá, que se prolongaría ata 1479.
Notas
editar- ↑ Carrasco Manchado (2006), p. 17
- ↑ Ohara, cap.VI, p.172
- ↑ Ohara, cap.VI, p. 195
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Soria
- ↑ Cf. Óscar Perea Rodríguez, "La Corte literaria de Alfonso el Inocente (1465-1468) según las Coplas a una partida de Guevara, poeta del Cancionero General", en Medievalismo. Revista de la Sociedad Espanola de Estudios Medievales núm 11 (2001), pp. 33-54
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Carrasco Manchado, Ana Isabel (2006). Isabel I de Castilla y la sombra de la ilegitimidad (en castelán). Madrid: Sílex. ISBN 978-84-7737-165-6.
- Ohara, Shima (2004). La propaganda política en torno al conflicto sucesorio de Enrique IV. Universidad de Valladolid: Tesis de doutoramento. ISBN 84-688-7203-2.
- Soria, Enrique (2008). "Farsa de Ávila: los nobles contra el rey de Castilla". Historia National Geographic (49): 20–23. ISSN 1696-7755.