Everardus Wittert van Hoogland

político neerlandés

Everardus Bonifacius François Frederik barón Wittert van Hoogland señor de Hoogland, Emiclaer, Langenoorth e Bloemendaal, nado na Haia o 2 de abril de 1875 e finado en Apeldoorn o 24 de decembro de 1959, foi un xenealoxista e un dos líderes do movemento social católico nos Países Baixos.

Modelo:BiografíaEverardus Wittert van Hoogland

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento2 de abril de 1875 Editar o valor en Wikidata
Morte24 de decembro de 1959 Editar o valor en Wikidata (84 anos)
Member of the Senate of the Netherlands (en) Traducir
13 de abril de 1920 – 20 de setembro de 1926 Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Partido políticoRoman Catholic State Party (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar
 
Wittert, terceiro pola dereita, como membro da oficina dos Estados Xerais en 1918. Como cabaleiro da Orde de Malta porta a Cruz de Malta no seu uniforme.
 
Wittert, terceiro á esquerda, durante unha visita de funcionarios e membros da Primeira Cámara a unha mina en 1913

Descendía da familia nobre católica dos Wittert, seu pai era o barón Frederik Adriaan Petrus (1840-1922) e súa nai Augusta Carolina Maria Hubertina van Beerenbroek (1853-1924). Asistiu ao elitista ximnasio Haganum da Haia e ao de Sint-Willibrorduscollege de Katwijk aan den Rijn que rexentaban os xesuítas. Tras graduarse continuou estudos na Universidade de Leiden, onde estudou dereito. Dende a súa época de estudante era unha persoa comprometida socialmente. Casou en 1904 con Christina Helena, filla do barón Snouckaert van Schauburg. Funcionario público, entre 1904 a 1906 traballou no ministerio de xestión da auga e dende 1906 foi secretario no Senado, o que lle permitiu coñecer a actividade parlamentaria; e nesta época é cando se reafirmou nas súas opinións contrarias ao materialismo capitalista, e na súa crenza nunha aristocracia católica que debía elevar aos obreiros e ás clases baixas. Por tras dos escanos colaborou[1] nas leis sociais do ministro Syb Talma, a Lei de discapacidade e a Lei de prestacións por enfermidade que se aprobaron entre 1909 e 1913.

En 1911 foi un dos impulsores[2] do restablecemento da bailía neerlandesa da Orde de Malta, logo do establecemento en 1909 a iniciativa do consorte real Henrique de Mecklenburgo-Schwerin da sección neerlandesa da prusiana Orde de San Xoán, herdeira protestante da Orde de San Xoán de Xerusalén. Wittert estivo dende o primeiro momento no órgano de goberno da Orde nos Países Baixos como chanceler[3] e foi tamén o representante da Orde na Cruz Vermella neerlandesa e como tal colaborou estreitamente co príncipe Henrique. Polo seu posto na Orde de Malta tivo ampla influencia entre os políticos católicos do país.

Política

editar
 
Wittert por volta de 1938

Membro da Liga Xeral de Asociacións Electorais Católico-Romanas situouse na esquerda da formación, e defendeu coalicións ocasións dos católicos cos socialdemócratas. Aínda que non era socialista, e non cría nun goberno dos traballadores, vía esa entente como unha solución práctica aos intereses dos traballadores, favorable ao sufraxio universal, favorecía un goberno que avogase polos traballadores. Estas actividades valéronlle o sobrenome "o Barón Vermello". En 1918 converteuse en secretaro da Liga e durante o intento de revolución socialista de novembro de 1918, Wittert liderou a resistencia na Haia contra dos revolucionarios, o 11 de novembro asociacións católicas reuníronse na Haia e iniciaron a reacción contra da revolución, á que se uniron protestantes e socialistas moderados. O 17 de novembro de 1918 dirixiu a manifestación católica contra da revolución no Houtrusthallen da Haia. Despois de pasar o perigo da revolución, presidiu dende outubro de 1921 a Asociación de Consellos de Traballo, e traballou pola participación dos traballadores nos consellos de empresa. Foi concelleiro da Haia entre o 2 de setembro de 1919 e o 1 de xullo de 1926[4]. O 13 de abril de 1920 entrou na Primeira Cámara dos Estados Xerais como membro da Liga e colaborou na aprobación da Lei de accidentes en 1921.

Diferenzas ideolóxicas e o seu apoio á cooperación ocasional entre o seu grupo parlamentario e o socialdemócrata levarono a un conflito coa á máis conservadora do seu partido, dirixida polo presidente do partido Antonius van Wijnbergen, en marzo de 1921 renunciou á secretaría da Liga e publicou un opósculo co título de Naar een nieuwe orde van zaken no que expuña abertamente a fractura no partido[5]. En 1922 fundou o Club Ultrem e en 1924 con Johannes Antonius Veraart o club de debate e estudo San Miguel, verdadeiro grupo de oposición no seo da Liga, que loitaba por unha democratización no seo da organización. Esta democratización chegou en 1925 coa renuncia de Wijnbergen e a adopción polo partido dunha estrutura democrática que se concretou en 1926 ao mudar o seu nome a Partido do Estado Católico Romano. Porén, Wittert xa abandonara o partido católico e renunciou á súa presidencia da Asociación de Consellos de Traballo por circunstancias privadas; tras o divorcio en 1921 da súa primeira dona, a súa intención de celebrar un segundo matrimonio, o que aconteceu en febreiro de 1927 ao casar con Maria Elisabeth van Ekeren, o que levou á ruptura coa igrexa católica e a abandonar todos os seus cargos políticos. En 1927 asumiu a presidencia do Consello de Traballo da Haia e en 1929 volveu a presidir a Asociación de Consellos de Traballo.

Guerra e posguerra

editar

Durante a ocupación mantívose como presidente do Consello de Traballo da Haia e da Asociación de Consellos de Traballo, e converteuse en membro "simpatizante" do Movemento Nacionalsocialista nos Países Baixos (NSB) en 1940, nun intento de frear a influencia nacionalsocialista no seo da Asociación. Non obstante, despois da liberación Wittert renunciou á presidencia e un comité de depuración desposuíuno en 1946 da súa pensión, arruínado por investimentos desafortunados antes da guerra, o ministerio de Asuntos Sociais concedeulle en 1937 o 70% da súa pensión viviu nunha pobreza. En 1950 retiráronlle todas as condecoracións reais que posuía. Nos anos seguintes escribiu numerosas páxinas xustificando o seu comportamento durante a guerra. O seu amplo legado en papel, que se atopa nos Arquivos Nacionais, é unha fonte para os historiadores.

Xenealoxista

editar

Wittert van Hoogland tamén foi xenealoxista, foi o principal impulsor en 1903 do anuario xenealóxico Nederland's Adelsboek[6] e membro do seu consello editorial ata 1945. Wittert realizou principalmente investigacións sobre árbores xenealóxicas e xenealoxías de familias nobres neerlandesas. En 1913 como separata de Nederland's Adelsboek apareceu De Nederlandsche adel omvattende alle Nederlandsche adellijke geslachten in de noordelijke en zuidelijke Nederlanden met een historisch overzicht que recolle a xenealoxía e historia da nobreza neerlandesa por orde alfabética, pero que só abrangue ata a letra E e non publicou máis partes. Entre 1906 e 1915 redactou a publicación xenealóxica Genealogische en heraldische bladen: maandblad voor geslacht-, wapen- en zegelkunde que editaba a Centraal Bureau voor Genealogie en Heraldiek. Entre as súas obras xenealóxicas salientan Aanteekeningen betreffende Utrechtsche geslachten (1907-1910), De afstammelingen van Prins Frederik Hendrik van Oranje's erkenden zoon Frederik van Nassau, 1en Heer van Zuylesteyn (1909), Portret-album van den Nederlandschen adel (1937) ou Genealogie van het geslacht Wittert (Wittert van Hoogland en Emiclaer, Wittert van Valkenburg, Wittert van Colverschoten, Wittert van Bloemendael, Wittert van Westrum, Wittert van Bouckenburg, Wittert van der Aa) (1941).

Wittert van Hoogland está enterrado na tumba familiar no cemiterio xunto á igrexa de San Martiño en Hoogland .

  1. J.A.A. Bervoets. "Wittert, Everardus Bonifacius François Frederik baron, (1875-1959)". Biografisch Woordenboek van Nederland. 
  2. Burg, Vincent van der (2021). "De voorgeschiedenis van de Landscommanderije Nederland van de Ridderlijke Orde van het Heilig Graf van Jeruzalem. Deel II. De periode 1901-1954". En Vincent van der Burg, Piet Hein Hupsch, Norbert Laane, Richard van de Loo, Sebastiaan Roes. Nederlandse ridders en edelvrouwen - Getuigen van het Lege Graf: De Ridderlijke Orde van het Heilig Graf van Jeruzalem in Nederland. p. 86. 
  3. "Initiatiefnemers en eerste Kapittelleden". Orde van Malta. 
  4. "Mr. E.B.F.F. baron Wittert van Hoogland". parlement.com. 
  5. J.A.A. Bervoets (1987). "Everardus Bonifacius François Frederik baron Wittert". Biografisch Woordenboek van het Socialisme en de Arbeidersbeweging in Nederland 2. pp. 185–187. 
  6. Gietman, Conrad (agosto de 2012). "Republiek van adel. Eer in de Oost-Nederlandse adelscultuur (1555-1702)". De Zeventiende Eeuw Cultuur in de Nederlanden in interdisciplinair perspectief 28 (1): 9.