Estudo (música)
Un estudo (a miúdo aparece en francés como étude) é unha peza musical instrumental, xeralmente breve, de dificultade considerable que foi deseñada para practicar unha determinada destreza técnica na execución dun instrumento solista. Por exemplo, o Estudo Op. 25 n.º 6 de Frédéric Chopin exercita ao pianista en tocar rapidamente intervalos de terceira cromáticos, o Op. 25 n.º 7 salienta o lograr unha melodía cantable nunha textura polifónica; e o Op. 25 n.º 10 aborda as oitavas paralelas.
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/b/bb/Etude_10_2.png/300px-Etude_10_2.png)
Historia
editarSéculo XIX
editarOs estudos musicais foron compostos desde o século XIX, sobre todo por Carl Czerny, pero foi Chopin quen transformou o estudo nun xénero musical importante. Os estudos poden estar en distintas formas e ás veces están agrupados en esquemas máis longos — os Estudos sinfónicos de Robert Schumann leva o título na súa segunda versión Études en forme de Variations.
Tamén foron escritos estudos para outros instrumentos, por exemplo os estudos para violín de Rodolphe Kreutzer e os estudos para guitarra de Villa-Lobos.
Os estudos que son máis amplamente admirados son aqueles que transcenden a súa función práctica e son apreciados simplemente pola súa música. Por exemplo, os Estudos de Chopin son considerados non só tecnicamente difíciles, senón tamén musicalmente moi poderosos e expresivos.
Un caso extremo atópase en estudos que a duras penas poderían considerarse música, estando compostos de figuras repetitivas que se desexan só como un exercicio físico. Destes, os máis coñecidos son os de The Virtuoso Pianist de Charles-Louis Hanon (1873).[1]
No entanto, os Études d'exécution transcendante de Liszt son excepcionalmente dificultosos e requiren dunha excelente técnica, de feito, son dos máis difíciles de toda a música clásica. Entre eles destacan o número 5 e o 12 "Chasse neige". Ademais, hai que engadir que estes estudos posúen unha beleza musical e lírica destacable, é dicir, non só serven para a práctica técnica senón que poden ser interpretados en salas de concertos.
Algúns mestres argüen que os estudos que non son musicais e só serven para desenvolver os dedos non teñen ningún valor, e mesmo poden ser daniños - Abby Whiteside é un exemplo de educadora que invocou o total abandono dos exercicios do tipo que fixeron Hanon e Czerny.
O século XIX tamén foi testemuña dunha serie de coleccións de estudos que foron escritos para instrumentos distintos do piano. Os Estudos para violín de Rodolphe Kreutzer, Federigo Fiorillo e outros; así como Estudos para violoncelo de Friedrich Dotzauer e Friedrich Grützmacher, algúns dos cales se seguen utilizando como ferramentas de ensino musical na actualidade.
Século XX
editarA principios do século XX publicouse unha serie de importantes coleccións de estudos. Os Études para piano de Claude Debussy (1915) axústanse á regra "unha faceta de técnica por peza", pero presentan estruturas pouco ortodoxas con moitos contrastes nítidos e moitos se concentran en sonoridades e timbres propios do piano, máis que en puntos técnicos. Os 53 Estudos sobre os estudos de Chopin de Leopold Godowsky (1894-1914) están construídos sobre os Études de Chopin: as adicións e cambios de Godowsky elevaron a música de Chopin a novos, ata entón descoñecidos, niveis de dificultade. Outros estudos importantes deste período inclúen 12 Études de Heitor Villa-Lobos para guitarra (1929) e pezas de compositores rusos: os Études Tableaux de Sergei Rachmaninoff (1911, 1917) e varias coleccións de Alexander Scriabin (todas para piano).
A mediados do século XX a vella tradición do estudo estaba en gran parte abandonada. A obra de Olivier Messiaen Quatre études de rythme ("Catro estudos sobre o ritmo", 1949-50) non foron composicións didácticas, senón experimentos con escalas de duración, así como con dinámica, figuracións, coloración e tons. Os études de John Cage, Etudes Australes (1974–75) para piano, Etudes Boreales (1978) para violoncello ou piano e Freeman Etudes (1977–80, 1989–90) para violín, son pezas indeterminadas baseadas en mapas de estrelas, e algunhas das obras máis difíciles do repertorio. Os tres libros de Études de György Ligeti (1985, 1988-94, 1995) son quizais os máis próximos á vella tradición porque tamén se concentran nunha técnica particular. Os 100 Transcendental Studies ("Estudos trascendentais", 1940-1944) de Kaikhosru Shapurji Sorabji, que toman a Godowsky e Liszt como o seu punto de partida, céntranse frecuentemente en elementos técnicos particulares, así como en varias dificultades rítmicas.[2][3]
Notas
editar- ↑ The New Grove Encyclopedia of Music and Musicians
- ↑ Fredrik Ullén. "100 Transcendental Etudes (1940–44)". The Sorabji Archive. Consultado o 01-08-2013.
- ↑ Marc-André Roberge. "Notes on the Études transcendantes". Sorabji Resource Site. Consultado o 01-08-2013.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estudo |