Elon Musk
Elon Reeve Musk, nado en Pretoria o 28 de xuño de 1971, é un empresario, enxeñeiro[1] e inventor[2] surafricano de nacionalidade estadounidense-canadense.[3][4] É o CEO e o CTO de SpaceX. É un dos primeiros investidores[5][6] e CEO de Tesla, Inc.; fundador de The Boring Company; cofundador de Neuralink e cofundador e xefe inicial de OpenAI. Musk é unha das persoas máis adiñeiradas do mundo.
Traxectoria
editarMusk naceu en Pretoria, dunha nai canadense e un pai surafricano. Foi alumno brevemente na Universidade de Pretoria antes de trasladarse ao Canadá aos 17 anos para estudar na Universidade de Queen's. Dous anos máis tarde pasou á Universidade de Pennsilvania onde se graduou en economía e física. No ano 1995 marchou a California para estudar na Universidade de Stanford, mais ao final decidiu comezar a súa carreira como empresario, cofundando a empresa Zip2 co seu irmán Kimbal. A empresa foi comprada por Compaq no ano 1999 por 307 millóns de dólares. Musk cofundou o banco en liña X.com ese mesmo ano, o cal se fusionou coa empresa Confinity o ano seguinte para formar PayPal que, no ano 2002 foi mercada por eBay por 1.500 millóns de dólares.
No ano 2002, Musk fundou SpaceX, un construtor de naves aeroespaciais e empresa de transportes, onde é director e deseñador xefe. No ano 2004 uniuse á empresa Tesla Motors, Inc. como presidente e arquitecto de produtos, converténdose no seu director xeral no ano 2008. No ano 2006 axudou na creación de SolarCity, unha empresa de servizos de enerxía solar e actual filial de Tesla. No ano 2015, cofundou OpenAI, unha empresa sen ánimo de lucro que promove a intelixencia artificial amigable. En 2016, cofundou Neuralink, unha empresa enfocada na neurotecnoloxía centrada no desenvolvemento de interfaces de conexión entre cerebro e computador. O mesmo ano fundou The Boring Company, unha empresa de construción de túneles. Musk tamén é coñecido como ideólogo de Hyperloop, un sistema de transporte de alta velocidade no baleiro.
Polémicas
editarMusk recibiu moitas críticas por mor da súa maneira pouco ortodoxa de afrontar certos retos.
Demanda de 2018 e problemas coa SEC
editarNo ano 2018 foi demandado por un mergullador que participara no rescate da cova de Tham Luang, se ben un xulgado de California sentenciou a prol de Musk. O mesmo ano, a Comisión de Bolsa e Valores dos Estados Unidos (SEC, polas súas siglas en inglés) denunciouno por ter anunciado a través de Twitter unha rolda de financiamento de Tesla que nunca se produciu. Finalmente chegaron a un acordo, segundo o cal Musk abandonaría temporalmente a dirección da compañía e faría un uso máis restrinxido das súas redes sociais.
Opinións controversas
editarMusk tamén foi criticado polas súas opinións sobre temas como a intelixencia artificial e a pandemia de COVID-19.
Contaminación
editarMusk atopouse no centro dunha polémica relativa á contaminación ambiental cando foi catalogado por celebrityflight.com como a segunda celebridade cunha maior emisión de CO2, debido ao seu uso extensivo de voos privados, só por detrás de Kim Kardashian.[7]
Experimentación animal
editarOutro tema polémico relacionado con Musk implica a súa empresa de neuro-tecnoloxía, Neuralink. A compañía, que busca desenvolver interfaces cerebro-computadora que poida axudar a doentes de ELA entre outros, viuse envolta en controversia pola morte de monos utilizados en experimentos.[8]
Ultradereita
editarNa década de 2020, Elon Musk converteuse nunha figura destacada da nova ultradereita, coñecida nos Estados Unidos como Alt Right. Circularon especulacións de que Donald Trump podería ofrecer a Musk un posto significativo de asesoramento dentro do seu círculo íntimo,[9] e a súa relación confortaleceuse ao regresar o expresidente á Casa Branca en novembro de 2024, nomeando a Musk xefe do Department of Government Efficiency (DOGE). A finais de 2024 e en xaneiro de 2025 apoiou diversos líderes da ultradereita europea, de Italia, do Reino Unido e de Alemaña.[10][11]
Saúdo nazi
editarNa toma de posesión de Trump fixo un aceno similar ao saúdo nazi. O xesto foi interpretado como tal por numerosos medios de comunicación e políticos de diversos países. Tamén se referíu a iso a súa filla transxénero.[12] Musk mostrouse molesto cos fundadores da Wikipedia por ter recollido esta polémica e solicitou cortar o seu financiamento.[13]
Notas
editar- ↑ asme.org (ed.). "Early Career Engineers, Conferences and Careers". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2017. Consultado o 4 de novembro de 2015.
- ↑ "A Sort Biography on Elon Musk". ThoughtCo (en inglés). Consultado o 2023-02-10.
- ↑ Curtis, Sophie (10 de novembro de 2014). The Daily Telegraph, ed. "Elon Musk 'to launch fleet of internet satellites'". Consultado o 23 de xuño de 2015.
- ↑ Vance, Ashlee (13 de setembro de 2012). "Elon Musk, the 21st Century Industrialist". Consultado o 23 de xuño de 2015.
- ↑ LaMonica, Martin (setembro de 2009). "Tesla Motors founders: Now there are five". CNET. Consultado o 17 de abril de 2020.
Tesla Motors and co-founder Martin Eberhard announced an agreement over who can claim to be a founder of the company on Monday.
- ↑ Schwartz, Ariel (21 de setembro de 2009). "Tesla Lawsuit Drama Ends as Five Company Founders Emerge". Fast Company. Consultado o 14 de abril de 2020.
Eberhard and Musk have reached a rather unexpected resolution–instead of agreeing to share the title of "founder", the pair has designated five people as company founders, including Musk, Eberhard, JB Straubel, Mark Tarpenning, and Ian Wright.
- ↑ "Celebrity Private Jet Flights & Environmental Impact". CelebrityFlight (en inglés). Consultado o 2023-10-03.
- ↑ Loaiza, Melissa Velásquez (2023-09-21). "Neuralink, la startup de implantes cerebrales de Elon Musk, está lista para iniciar ensayos en humanos". CNN (en castelán). Consultado o 2023-10-03.
- ↑ "X puede ser una víctima de la guerra que Elon Musk tanto desea". www.elsaltodiario.com (en local). Consultado o 2024-08-25.
- ↑ Mohamed, Theron. "Elon Musk speaks out again in favor of the far-right in the UK". Business Insider (en inglés). Consultado o 2025-01-22.
- ↑ "Musk provokes European leaders ahead of chat with German far-right leader". www.bbc.com (en inglés). 2025-01-07. Consultado o 2025-01-22.
- ↑ "Hija de Elon Musk responde a las acusaciones del “saludo nazi” de su padre". Independent Español (en castelán). 2025-01-22. Consultado o 2025-01-22.
- ↑ "Elon Musk ataca a Wikipedia tras controversia con polémico gesto". Independent Español (en castelán). 2025-01-22. Consultado o 2025-01-22.