O denominado Edicto do Bierzo é unha placa de bronce de forma rectangular cun anel na parte superior, gravada con varios círculos concéntricos, encontrada en 1998 nun castro próximo á localidade berciana de Bembibre, por J. A. Balboa, quen así mesmo deu a luz a edición príncipe. O documento é denominado tamén Téssera de Bembibre e Edicto de Augusto.

Edicto do Bierzo

Tipo Placa / Táboa
Data 15 a. C.
Cultura Roma Antiga
Características
Lonxitude 24,4 cm
Anchura 0,2 cm
Altura 15,3 cm
0,65 cm (letras)
Materiais Bronce
Descuberta
Localización Bembibre
Data 1998
Conservación
Localización Museo de León

A placa, datada no ano 15 a. C., é o documento escrito máis antigo que se coñece sobre os ástures. Neste documento está implícita unha descrición da organización social e política de certos populi ástures e galaicos.

Na actualidade consérvase no museo de León.

Texto da placa

editar

A lectura do texto estabelecida por Géza Alföldy e aceptada pola maioría dos investigadores é a seguinte:

Imp(erator) · Caesar · Divi · fil(ius) · Aug(ustus) · trib(unicia) · pot(estate) ·
VIIII · et · pro·co(n)s(ule) · dicit · Castellanos · Paemeiobrigenses · ex ·
gente · Susarrorum· desciscentibus ·
ceteris · permansisse · in officio · cog
novi · ex omnibus · legatis · meis · qui ·
Transdurianae · provinciae · prae/fuerunt · itaque · eos · universos · im
munitate · perpetua · dono · quosq(ue)
agros · et quibus · finibus · possede
runt · Lucio · Sestio · Quirinale leg(ato) ·
meo · eam · provinciam · optinente{m} ·
eos · agros · sine · controversia · possi
dere · iubeo
Castellanis · Paemeiobrigensibus · ex
gente · Susarrorum · quibus · ante · ea ·
immunitatem · omnium · rerum · dede
ram · eorum · loco · restituo castellanos
Aiiobrigiaecinos · ex gente · Gigurro
rum · volente · ipsa · civitate · eosque
castellanos · Aiiobrigiaecinos · om
ni · munere · fungi · iubeo · cum ·
Susarris ·
Actum · Narbone · Martio ·
XVI · et · XV · k(alendas) · Martias · M(arco) · Druso · Li
bone · Lucio · Calpurnio · Pisone
co(n)s(ulibus)»

Tradución do texto

editar

O mesmo Alföldy facilitou unha tradución en alemán e castelán da que arranxamos a galega:

O emperador César Augusto, fillo do divino, na súa oitava potestade tribunicia e procónsul, di: Souben por todos os meus legados que estiveron a cargo da provincia Transduriana, que os "castellani" Paemeiobrigenses, da gens dos Susarros, mantivéronse obedientes, mentres que os demais facían defección. Polo tanto, recompénsoos a todos eles con inmunidade perpetua; e ordeno que posúan, sen controversia, aqueles campos e con aqueles límites que posuían cando o meu legado Lucio Sestio Quirinal gobernou esta provincia.

Aos "castellani" Paemeiobrigenses, da gens dos Susarros, aos que antes concedín a inmunidade total, asócioos de novo cos "castellani" Aiiobrigiaecini, da gens dos Gigurri, co consentimento da propia comunidade; e ordeno que os "castellani" Aiiobrigiaecini cumpran todos os deberes xunto cos Susarros.

Decidido en Narbona Martio os días 16 e 15 antes de kalendas de marzo [esta data corresponde aos días 14 e 15 de febreiro], sendo cónsules Marco Druso Libón e Lucio Calpurnio Pisón [este consulado corresponde a 15 a.C.]

Comentario

editar

Á parte de diversas controversias (algunhas sobre a súa autenticidade, rexeitadas pola autoridade de Géza Alföldy), suscita certas cuestións:

  • A existencia dunha provincia hispana ata agora descoñecida: a Transduriana, e de límites imprecisos, aínda que o río Douro, antigo Durius, parece marcalo polo Sur.
  • Fálase dunha defección, unha probábel rebelión, entre os ástures, que debe aludir a movementos últimos contra a imposición da autoridade romana, nos anos inmediatos ás Guerras contra cántabros e ástures, librada con presenza persoal do mesmo Augusto.
  • Colíxese que son castigados os gigurri, un pobo prerromano, cuxo territorio corresponde á actual comarca do Valdeorras, na zona oriental da provincia de Ourense, de xeito que unha das súas divisións menores, os castellani (habitantes dun castelo ou castro) Aiiobrigaecinos (o xentilicio deses castrexos), pasen a axudar no pagamento dos impostos aos "castellani" Pameiobrigenses (é dicir do castro de Pameiobriga, que se identifica polos expertos co nome de Bembibre), do pobo dos Susarros, evidentemente localizado no Bierzo.

Como os Aiiobrigaecinos son identificados como citados tamén na Téssera do Caurel, o Edito do Bierzo, abre o problema de cal era a verdadeira extensión do territorio dos gigurri, talvez maior cara ao norte do que é o actual Valdeorras.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • F.-Javier Sánchez-Palencia, Julio Mangas (coords.), El Edicto del Bierzo. Augusto y el Noroeste de Hispania (2000). Ponferrada - ISBN 84-607-1964-2

Outros artigos

editar