Edicións do Rueiro
Edicións do Rueiro foi unha editorial coruñesa activa entre 1973 e 1981. O seu propósito era rachar coa imaxe que vinculaba a lingua galega só con publicacións literarias, procurando editar estudos de ciencias sociais.
Edicións do Rueiro | |
---|---|
Tipo | editorial |
Data de fundación | 1973 |
Sede | A Coruña |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarFoi fundada o 23 de xullo de 1973 por Andrés Salgueiro Armada, Xosé Vilas Nogueira e Xavier Villar Trillo, colaboradores de La Voz de Galicia co pseudónimo común de Andres Vilas Villar, canda a Xosé Harguindey Banet, Cipriano Luís Jiménez Casas e Fidel Vidal Pérez.
Os primeiros libros editados foron O estatuto galego de Vilas Nogueira, Ensaios marxistas de Felipe Martínez Marzoa, A contaminación na Galicia de Ramón López-Suevos e Francisco Bermejo Martínez, e Control de natalidade, métodos contraceptivos de Jiménez Casas.
En maio de 1980 comezou a publicación da revista mensual Man Común, dirixida por Xosé Antón Gaciño arredor dun grupo de xornalistas como Luís Pita, Manuel Rivas ou Santiago Romero. En maio de 1981 saíu o último número de Man Común, que feneceu por cuestións económicas, arrastrando consigo o peche da editorial.