Diego de Salinas
Diego Esteban Gómez de Salinas y Rodríguez de Villarroel, nado en Madrid o 3 de agosto de 1649 e finado na mesma cidade o 27 de novembro de 1720, foi o último gobernador español de Xibraltar. Ocupaba o cargo cando a Rocha de Xibraltar foi tomada por unha frota anglo-holandesa, en agosto de 1704.[1]
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de agosto de 1649 ![]() Madrid, España ![]() |
Morte | 27 de novembro de 1720 ![]() Madrid, España ![]() |
![]() ![]() | |
![]() | |
Actividade | |
Ocupación | militar ![]() |
Carreira militar | |
Rango militar | Xeneral ![]() |
Conflito | Guerra Franco-Holandesa (pt) ![]() ![]() |
Traxectoria
editarSalinas y Rodríguez era fillo de Pedro Gómez de Salinas e Agustina Rodríguez de Villarroel, aristócratas da pequena nobreza (de Burgos, polo pai e Valladolid, polo lado da súa nai). Empezou como paxe no exército do condestável de Castela, Iñigo Fernández de Velasco. Fixo unha carreira rápida, sendo ascendido a alférez de cabalería e chegando ao posto de capitán de infantería antes dos 20 anos. Participou en batallas nos Países Baixos, e foi promovido ao posto de capitán de cabalería en 1670. Salinas loitou na Guerra Franco-Holandesa, e permaneceu nos Países Baixos ata 1673, cando volveu a España e foi engadido ao exército de Cataluña. En 1675, el foi ferido en combate na defensa de Puigcerdà, que estaba sendo atacada polos franceses. En decembro de 1677, volveu a Murcia.[2]
En 1685, Salinas y Rodríguez actuou como mariscal da infantería española en Pamplona, e pediu admisión na Orde de Santiago. Esta petición foi concedida despois dunha investigación minuciosa dos seus antepasados. En Pamplona, participou de batallas da Guerra dos Nove Anos contra os franceses nos montes Alduide, onde conseguiu expulsar os invasores.[2]
En xuño de 1697, agora coa patente de xeneral de batalla, trasladouse a Barcelona, nun intento de deter o avance das tropas francesas do duque de Vendôme. Con todo, o 7 de xullo, a cidade rendeuse, e en 15 de agosto as tropas de Salinas abandonaran o local. Co fin das hostilidades, Salinas foi nomeado "Sarxento Xeral de Batalla" e recibiu o mando de Xirona, onde entrou como gobernador interino en 1698, tras a saída dos franceses. Alí quedaría polo menos ata 1700, cando foi designado para facerse cargo do goberno de Xibraltar.[2]
Captura de Xibraltar
editar- Artigo principal: Captura de Xibraltar (1704).
Salinas y Rodríguez foi nomeado Gobernador de Xibraltar por Filipe V en decembro de 1701. Chegou á praza a principios de 1702. Co inicio das hostilidades na Guerra de Sucesión Española e a ameaza da frota anglo-holandesa, Salinas y Rodríguez pediu reforzos que nunca foron enviados.[2] O 1 de agosto de 1704, tropas británicas baixo o mando do príncipe Jorge de Hesse-Darmstadt (que foi vicerrei de Cataluña) desembarcaron no norte do istmo da baía de Alxeciras e despois de preparar un plan de ataque en tres frontes enviaron unha mensaxe pedíndolle que se rendese.[1] Salinas non aceptou, e a cidade comezou a ser bombardeada o 3 de agosto polos barcos inimigos. Recoñecendo a gravidade da situación e a imposibilidade de seguir resistindo, Salinas y Rodríguez capitulou na mañá do 4 de agosto.[2][3]
A toma da cidade foi facilitada ao parecer pola falta dunha gornición capaz de facer fronte aos invasores, e non por falta de municións e pezas de artillaría en bo estado. Non obstante, a rendición dun veterano experimentado como Salinas y Rodríguez tamén puido ser influenciada polo medo da poboación local que as tropas inimigas poderían interceptar ás súas mulleres e nenos que fuxían cara a Punta Europa.[1]
Despois de Xibraltar
editarAlgúns dos seus contemporáneos, non obstante, criticaron o gobernador, recordando o episodio da capitulación de Barcelona en 1697. Non obstante, Filipe V non parece ter tomado en conta esas opinións, como Salinas y Rodríguez foi nomeado Gobernador de Villaescusa de Haro, en Cuenca, en 1706, onde permaneceu nunha especie de exilio voluntario ata preto da súa morte, cando regresou a Madrid. Morreu na súa cidade natal o 27 de novembro de 1720, deixando todos os seus bens á súa irmá, Francisca.[2]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Clive Finlayson; Darren Fa. "The Fortifications of Gibraltar 1068-1945" (en inglés). pp. 23–24. Arquivado dende o orixinal o 19-02-2014. Consultado o 03-09-2012.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 José María Lázaro Bruña. "Brevísima Biografía de Don Diego Gómez de Salinas" (PDF) (en español). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 01-02-2014. Consultado o 03-09-2012.
- ↑ Ignacio López de Ayala. "The history of Gibraltar: from the earliest period of its occupation by the Saracens" (en inglés). Consultado o 03-09-2012.