Diego Martínez Barrio
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2018.) |
Diego Martínez Barrio, nado en Sevilla o 25 de novembro de 1883 e finado en París o 1 de xaneiro de 1962, foi un político español.
Traxectoria
editarDe procedencia humilde, pois era fillo dun albanel e unha vendedora de mercado, comezou a súa vida política no anarquismo. Despois moderou as súas ideas, ao converterse nun dos animadores do republicanismo local, concelleiro en Sevilla e membro do Partido Republicano Radical. Participou no Comité Revolucionario (1930) e foi ministro de comunicacións no goberno provisorio tras proclamarse a II República española (14 de abril - 15 de decembro de 1931), e voceiro da minoría radical no Congreso dos Deputados. Tras entrar en crise o goberno Azaña, foi ministro de Gobernación no primeiro goberno de Alejandro Lerroux, apenas un mes, xa que o 9 de outubro de 1933 foi nomeado presidente do Consello de Ministros coa única intención de convocar eleccións, que lle deron a vitoria ao centro dereita e Martínez Barrio pasou a ocuparse do Ministerio da Guerra (16 de decembro de 1933 - 28 de abril de 1934). Enfrontado coa política reaccionaria de Lerroux, abandonou o partido, fundando Unión Republicana, da que foi o seu líder.
Posteriormente, integrada a Unión Republicana na Fronte Popular, Martínez Barrio foi elixido Presidente das Cortes e exerceu de forma interina como Presidente da Segunda República Española, no período comprendido entre o 7 de abril e o 10 de maio de 1936, con motivo da destitución de Niceto Alcalá-Zamora.
Na noite do 18 ao 19 de xullo de 1936, Manuel Azaña, trala dimisión de Santiago Casares Quiroga, encargoulle formar goberno para intentar deter a sublevación que daría orixe á guerra civil española pero, fracasado o seu intento, presentou a dimisión, durando o seu goberno só 3 horas. Foi entón substituído por José Giral.
Tras a caída da República exiliouse, primeiro a Francia. Foi presidente interino da República tras a renuncia de Azaña o 27 de febreiro de 1939, e despois a Cuba.[1] Posteriormente pasou a México, onde en 1945 foi designado Presidente da República no exilio ata a súa morte. Finalmente volve a París, onde morre. Trinta e oito anos máis tarde, no 2000, os seus restos foron trasladados a Sevilla, a súa cidade natal.
Notas
editar- ↑ Ferrer Benimeli 1977, p. 10.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Diego Martínez Barrio |
Bibliografía
editar- Casanova, Julián; Gil Andrés, Carlos (2019). Historia de España en el siglo XX. Colección:Historia (en castelán) (7ª ed.). Barcelona: Editorial Ariel. ISBN 978-84-344-3491-2.
- Ferrer Benimeli, José Antonio (1 de xullo de 1977). "Historia de la República española en el exilio (1939-1947)". Tiempo de Historia (en castelán) (Madrid) (32): 4–19.