Darío Fernández Flórez
Darío Fernández Flórez, nado en Valladolid o 11 de xuño de 1909 e finado en Madrid o 1 de decembro de 1977, foi un novelista español da xeración do tremendismo.
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de xuño de 1909 ![]() Valladolid, España ![]() |
Morte | 1 de decembro de 1977 ![]() Madrid, España ![]() |
Educación | Universidade de Madrid - Filosofía e Letras ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritor, novelista ![]() |
![]() |
Traxectoria
editarDe ascendencia galega. Estudou Filosofía e Letras en Madrid, onde fixo crítica literaria na radio. Publicou dúas novelas en 1931 e 1932, e acadou sona en 1939 co ensaio Dos claves históricas: Mío Cid y Roldán. Na posguerra traballou para a Vicesecretaría de Educación Popular de FET y de las JONS, amais de como censor.
En 1944 publicou Zarabanda, antecedente da súa obra máis famosa, Lola, espejo oscuro (1950). Esta novela, que tivo no seu momento un grande éxito de crítica e público, é unha obra amoral que relata a loita pola supervivencia dunha moza orfa. A obra bebe da novela picaresca, cun moralismo falso e engadido a maiores para evitar problemas coa censura. A novela curta Boda y jaleo de Titín Aracena (1952) ten unha estrutura similar, e reflicte o ambiente da alta sociedade madrileña. Xa anos máis tarde completou a triloxía con Nuevos lances y picardías de Lola, espejo oscuro (1971) e con Asesinato de Lola, espejo oscuro (1975).
Frontera (1953) fala do exilio dos españois en Francia. La hora azul (1953) está ambientada en Francia, e ten como protagonistas o español Pepe, señorito xogador empedernido de gran nobreza, a italo-francesa Bárbara, unha muller aventureira, apaixonada e egoísta, e o ruso Vajtang Tzeretheli, compañeiro de Bárbara, e explotador.
Alta costura (1954) presenta mediante a técnica das narracións converxentes o ambiente madrileño do mundo da moda. Memorias de un señorito (1956) está considerada autobiográfica. Está ambientada entre 1927 e 1936, e na novela aparecen personaxes históricos do ambiente madrileño como Ortega y Gasset, Jiménez Díaz ou Celia Gámez. Yo estoy dentro (1961) é unha continuación temática desta novela.
Dúas das súas obras foron levadas ao cinema: Lola, espejo oscuro en 1965 por Fernando Merino, e Alta costura en 1954 por Luis Marquina.
Obra
editar- Inquietud (novela, 1931)
- Maelstrom (novela, 1932)
- Dos claves históricas: Mío Cid y Roldán (ensaio, 1939)
- Zarabanda (novela, 1944)
- Lola, espejo oscuro (novela, 1950)
- Boda y jaleo de Titín Aracena (novela, 1952)
- Frontera (novela, 1953)
- La hora azul (novela, 1953)
- Alta costura (novela, 1954)
- Memorias de un señorito (novela, 1956)
- Los tres maridos burlados (novela, 1957)
- Sr. Juez (novela, 1958)
- Nuevos lances y picardías de Lola, espejo oscuro (novela, 1971)
- Asesinato de Lola, espejo oscuro (novela, 1975)