Dólar de prata do 50 aniversario do Monte Rushmore
Dólar de prata do 50 aniversario do Monte Rushmore | |
---|---|
![]() |
![]() |
A/: Vista do Monte Rushmore; debaixo, pólas de loureiro. Data e marcas de gravador (MWS e CYM).
Lendas: LIBERTY / GOLDEN ANNIVERSARY / MOUNT RUSHMORE NATIONAL MEMORIAL / IN GOD WE TRUST |
R/: Gran Selo dos EEUU con raios de sol sobre o contorno do país. Marcas de ceca e gravador (FG).
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / SHRINE OF DEMOCRACY / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
|
O dólar de prata do 50 aniversario do Monte Rushmore é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1991 e cuñada polas Casas da Moeda de Filadelfia e de San Francisco.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 101-332, do 16 de xullo de 1990,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas en homenaxe ao Monte Rushmore, en conmemoración do seu 50 aniversario.[2]
Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3][4]
Deseño
editarNo anverso da moeda, obra de Marika Somogyi e C. Y. Martin, represéntase unha vista da ladeira do Monte Rushmore cos bustos dos presidentes George Washington, Thomas Jefferson, Theodore Roosvelt e Abraham Lincoln, esculpidos por Gutzon Borglum. Por baixo deste motivo hai dúas pólas de oliveira atadas cunha cinta co lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), e na parte superior a palabra LIBERTY ("Liberdade"). As lendas alusivas ao motivo conmemorado son GOLDEN ANNIVERSARY / MOUNT RUSHMORE NATIONAL MEMORIAL.[2][4]
Pola súa banda, o reverso, obra do gravador da US Mint Frank Gasparro, reproduce unha composición do Gran Selo dos Estados Unidos cuns raios de sol e sobre o contorno dos Estados Unidos, cunha estrela situada no lugar do Monte Rushmore e a inscrición SHRINE OF DEMOCRACY ("Santuario da democracia") . Este motivo do reverso está rodeado polas lendas alusiva ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[2][4]
Produción e comercialización
editarA lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de dous millóns e medio de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4] A moeda foi presentada e posta ao dispor do público o día 15 de febreiro de 1991, no transcurso dunha cerimonia celebrada no Teatro Ford, en Dacota do Sur.[2]
A súa produción foi de 133.139 moedas na súa condición estándar e 738.419 en versión proof, o que fai un total de 871.558 exemplares.[3][4]
A moeda comercializouse aos prezos de 26 dólares en condición estándar e 31 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou esta emisión, a metade dos beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados á Mount Rushmore National Memorial Society, de Black Hills, Dacota do Sur, para a ampliación e o mantemento do Monte Rushmore, e a e outra metade ingresou no fondo xeral do Tesouro, co fin de reducir a débeda nacional.[2][4]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Public Law 101-332 - JUL. 16, 1990". Govinfo.gov
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Mount Rushmore Golden Anniversary Dollar". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 1991 Mount Rushmore Anniversary". United States Mint.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "1 Dollar Mount Rushmore". Numista.com
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- "1991 Mount Rushmore Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)