Cotovía pequena
A cotovía pequena[2][3][4] (Lullula arborea) é a única especie existente do xénero Lullula. Encóntrase na maior parte de Europa, Oriente Próximo, oeste de Asia e as montañas do norte de África. En Galicia é unha ave sedentaria pero escasa.[3] É principalmente unha ave sedentaria non migratoria na parte occidental da súa área de distribución, pero as poboacións orientais son máis migratorias, trasladándose ao sur en inverno.
Cotovía pequena | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||
ver texto | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
Existen dúas subespecies de cotovía pequena, L. a. arborea e L. a. pallida. A primeira é nativa de rexións do norte de Europa, mentres que a segunda pode encontrarse no sur da área de distribución da especie. A súa dieta está composta principalmente de sementes, pero tamén inclúe insectos durante o período de reprodución. É unha ave comparativamente pequena, de entre 13,5 e 15 centímetros de longo e un 20% máis curta que a laverca común. É marrón con partes inferiores claras e ten unha cola con punta branca.
Taxonomía e sistemática
editarA cotovía describiuna o naturalista sueco Carl Linnaeus en 1758 na 10ª edición da súa obra Systema Naturae, dándolle o nome de Alauda arborea.[5] Este nome binomial é idéntico ao nome latino usado en 1676 polo ornitólogo inglés Francis Willughby na súa obra Ornithologiae libri tres.[6] A cotovía pequena está agora situada no xénero Lullula, que foi introducido polo naturalista alemán Johann Jakob Kaup en 1829.[7] O actual nome do xénero é onomatopéico a partir do francés “lulu”, o nome que lle deu á ave Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon. O nome francés alouette lulu, e o binomial científico, Lullula arborea, deriva do son da canción do animal.[8] O nome específico arborea procede do latín arbor, arboris, 'árbore'.[9]
Subespecies
editarHai dúas subespecies de cotovía pequena:[10]
- L. a. arborea (do norte) - (Linnaeus, 1758): encóntrase no norte, oeste e centro de Europa ata o oeste de Rusia e Ucraína.
- L. a. pallida (do sur) - Zarudny, 1902: encóntrase no sur de Europa e noroeste de África e a través de Oriente Próximo ata Irán e Turkmenistán.
Descrición
editarÉ unha ave de 13,5 a 15 cm de longo, lixeiramente menor que a laverca común,[11] un 20% máis curta que esta última.[12] A cotovía pequena é principalmente marrón pola parte superior e clara pola inferior, pero cunha distintiva banda superciliar branca que chega á caluga.[13] Ten unha crista bastante pequena e a maior parte do tempo pouco visible.[8] En voo mostra unha curta cola e unhas ás curtas e anchas. A cola ten as puntas brancas, pero a diferenza da laverca, os laterais da cola e o bordo posterior das ás non están beireados de branco.
É unha ave canora, que ten unha canción melodiosa, trilante a miúdo descrita onomatopeicamente como un lu-lu-lu-[14] ou máis precisamente como un "lū-lū-lū-lū-lū- en serie", tuluit tuluit tuluit.[11]
Distribución e hábitat
editarEncóntrase principalmente en Europa, as montañas do norte de África e no oeste de Asia. En Europa, a ave prece estar máis a gusto nos parámos areentos de Bélxica, onde a súa densidade era de 7,5 parellas por km2 en 1988.[15] No mesmo ano, as densidades en Alemaña Oriental eran de 0,29 a 5,0 parellas por km2 e de entre 0,1 e 0,25 parellas por km2 no sur de Inglaterra, e os hábitats máis óptimos eran os máis densamente habitados. Porén, as poboacións flutuaron en Europa nas décadas de 1990 e 2000 e non se dispón de datos de densidades máis actualizados. A amplitude da área de distribución da cotovía pequena vai desde Inglaterra no oeste, partes do norte de Exipto no sur, Irán e Turkmenistán no leste a Escandinavia no norte.[11][12][14] O declive das poboacións tivo como resultado que a súa área de distribución se fixo menor, por exemplo en Gran Bretaña reproducíase antes en Gales e centro de Inglaterra, pero agora encóntrase só no sur de Inglaterra. Dentro do seu rango é principalmente sedentaria no oeste, mentres que as poboacións do leste migran ao sur no inverno. En Galicia é sedentaria pero pouco abondosa.[3]
O seu hábitat natural son os páramos e espazos abertos con árbores espalladas.[16] Prefire os claros en bosques de piñeiros e páramos e plantacións de piñeiros novos.[8] Traballos experimentais indican que unha alteración anual do chan pode incrementar a abundancia de cotovías pequenas en terras baixas con páramos herbáceos e uceiras.[17] Esta ave pode tamén encontrarse máis raramente en áreas urbanas.[8]
Comportamento e ecoloxía
editarO macho da cotovía pequena canta unha canción en voo similar á da laverca común pero aletea máis a medida que se eleva e fai espirais cara a adiante, facendo círculos sobre o chan mentres canta a unha altura bastante constante. Tanto o macho coma a femia cantan desde o chan ou pousados nunha árbore.[14]
Reprodución
editarO niño está normalmente feito de herbas, fentos, raíces e musgos e construído nunha depresión no chan.[14] A nidación empeza cedo, e ás veces os primeiros ovos póñenos a finais de marzo. Normalmente poñen de tres a cinco ovos. A femia incuba os ovos, que son brancos con manchas marróns, durante de 13 a 15 días.[11] Ambos os pais alimentan despois os xoves no niño e os polos abandonan o niño pasados outros 11 a 13 días.[16] Proxenitores e crías permanecen xuntos durante o verán e ata o outono. Pode criar dúas ou ás veces tres roladas de polos nun ano.
Alimentación
editarIgual que ocorre con moitas especies da familia das lavercas, a cotovía pequena é principalmente vexetariana cando é adulto, pero durante a estación reprodutora tamén comen insecto de tamaño medio.[12] A dieta está principalmente composta de sementes e insectos como escaravellos, moscas e avelaíñas.[11][14] Durante a estación reprodutora, a femia incuba os ovos en quendas de aproximadamente en 45 minutos e con intervalos de oito minutos de alimentación.[16]
Ameazas
editarAs poboacións de cotovía pequena de Europa estiveron en declive nos últimos anos e o seu rango reduciuse.[14] A perda de hábitat é o principal factor que contribuíu a isto, e moitas pradeiras secas, terras en barbeito, páramos de terras baixas e pastos perdéronse debido á agricultura, ao abandono ou ao desenvolvemento, especialmente no norte de Europa.[18]
Status
editarEn Europa en 2004, a poboación reprodutora de cotovías pequenas estimouse en de 1,3 a 3,3 millóns de parellas reprodutoras. En Europa vive entre o 75 e o 94% da poboación global, o que significa que hai entre 4,15 e 13,2 millóns de individuos na súa área de distribución mundial.[19] As poboacións flutuaron por toda Europa, por exemplo, había unhas 400 parellas reprodutoras en Inglaterra en 1981,[8] 241 en 1986, 1633 en 1997 e 3064 en 2007.[20]
A cotovía pequena foi categorizada pola IUCN como especie en estado "pouco preocupante", o que quere dicir que actualmetne non está ameazada de extinción.[1]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Lullula arborea". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Dicionario Digalego cotovía pequena
- ↑ Linnaeus, Carl (1758). Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en Latin). Volume 1 (10th ed.). Holmiae:Laurentii Salvii. p. 166.
- ↑ Willughby, Francis (1676). Ornithologiae libri tres (en Latin). London: John Martyn. p. 149.
- ↑ Kaup, Johann Jakob (1829). Skizzirte Entwickelungs-Geschichte und natürliches System der europäischen Thierwelt (en German). Darmstadt: Carl Wilhelm Leske. p. 92.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Campbell, Donald (1999). The Encyclopedia of British Birds. Bath: Paragon. p. 165. ISBN 9780752541594.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 53, 232. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ "IOC World Bird List 6.4". IOC World Bird List Datasets. doi:10.14344/ioc.ml.6.4.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Černý, Walter (1975). A Field Guide in Colour to Birds. Traducido por Margot Schierlová. Illustrated by Karel Drchal. London: Octopus Books Limited. pp. 156–157. ISBN 070640405X.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic concise edition 2. Oxford: Oxford University Press. pp. 1041–1043. ISBN 0198501889.
- ↑ "Woodlark". Birds by name. Royal Society for the Protection of Birds. Consultado o 29 July 2013.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 Harbard, Chris (1988). Songbirds: How to attract them and identify their songs. London: Quarto Publishing plc. p. 53. ISBN 9780862724597.
- ↑ Simms, Eric (1992). British Larks, Pipits and Wagtails (1st ed.). HarperCollins. pp. 66–67. ISBN 0002198703.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Hayman, Peter; Burton, Philip (1979). The Birdlife of Britain. London: Mitchell Beazley Publishers Limited. p. 78. ISBN 0855330872.
- ↑ Hawkes, Robert W.; Smart, Jennifer; Brown, Andy; Jones, Helen; Dolman, Paul M. (2019). "Experimental evidence that ground-disturbance benefits Woodlark Lullula arborea". Ibis (en inglés) 161 (2): 447–452. ISSN 1474-919X. doi:10.1111/ibi.12696.
- ↑ "Woodlark Lullula arborea" (PDF). Joint Nature Conservation Committee. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de febreiro de 2019. Consultado o 29 July 2013.
- ↑ BirdLife International. 2004. Birds in Europe: population estimates, trends and conservation status. BirdLife International, Cambridge, U.K.
- ↑ Conway G et al. (2009) The status of breeding woodarks Lullula arborea in Britain 2006. Bird Study 56.3 pp310-325