Club Náutico da Sala Calvet

club de remo da Coruña

O Club Náutico da Sala Calvet foi un club de remo da cidade da Coruña, fundado no seo da Sala Calvet en 1906 e desaparecido en 1907.

Club Náutico da Sala Calvet
Tipoclub de remo
Data de fundación2 de maio de 1906
EnA Coruña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

Naceu no seo da Sala Calvet, un ximnasio situado na rúa Galera da Coruña. Tras participar os dous anos anteriores nas regatas das festas de María Pita (en 1904 como "Sala Calvet" e en 1905 dentro do equipo do Círculo de Artesáns),[1] os remeiros da Sala Calvet decidiron fundar un club de remo, nacendo así o Club Náutico da Sala Calvet o 2 de maio de 1906. Foi fundado polo mestre Federico Fernández-Amor Calvet e 18 dos seus alumnos: Rogelio Fernández Conde, Juan Long, Venancio Deus, Ramón Moscoso, Salvador Fojón, Laureano Martínez, Francisco Martínez, Mariano de Paz, José Martínez Urioste, José Rey, Emilio Alba, Pedro Martínez Urioste, Virgilio Rodríguez, Félix de Paz, Germán Berguer, José Longueira, Doroteo Fernández e Jesús Arias.[2] Nomeouse unha directiva formada por Rogelio Fernández Conde como presidente, Juan Long como vicepresidente, Salvador Fojón como tesoureiro contador e Ramón Moscoso como secretario.[2]

Entre todos xuntaron 1000 pesetas e mercaron unha embarcación, que era propiedade do extinto Club Náutico da Coruña e que anteriormente pertencera ao Casino Coruñés. Con este barco presentáronse o 14 de agosto á Copa da Liga de Amigos, regata organizada con motivo das festas de María Pita, formando con Pedro Martínez Urioste, Juan Long, Jesús Longueira, Mariano de Paz, Francisco Aldao, Salvador Fojón, Doroteo Fernández, Enrique Alba, Virgilio Rodríguez, Francisco Martínez e José Martínez Urioste. O barco da Calvet colocouse en cabeza case dende o principio e completou en oito minutos o percorrido de 2.500 metros, chegando por diante do Sporting Club á meta situada preto do castelo de Santo Antón e gañando a copa de prata que estaba en xogo.[3]

O 2 de setembro participaron nas regatas das festas de Amboage en Ferrol, enfrontándose á embarcación do Círculo de Artesáns, e conseguindo a vitoria e con ela un barómetro doado polo xeneral Eduardo Arias-Salgado Menéndez.[4][5]

O 9 de xaneiro de 1907 celebrouse na Sala Calvet unha reunión na que se acordou a disolución do Club Náutico e a cesión da súa traiñeira ao novo Club Deportivo da Sala Calvet, pasando a ser os socios fundadores do Club Náutico fundadores tamén do Club Deportivo.[6]

  1. Ventureira 2022, p. 41.
  2. 2,0 2,1 Ventureira 2022, p. 46.
  3. Ventureira 2022, pp. 47-48.
  4. "Las regatas". El Correo Gallego (en castelán) (9517). 3 de setembro de 1906. p. 2. Consultado o 24 de decembro de 2024. 
  5. Ventureira 2022, p. 49.
  6. Ventureira 2022, p. 62.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Ventureira, Rubén (2022). De la Sala Calvet al título olvidado [Da Sala Calvet ao título esquecido] (en castelán). A Coruña: Fundación Real Club Deportivo de La Coruña SAD. ISBN 978-84-09-46119-6.