Caviar de Kalix
O caviar de Kalix (Kalix Löjrom en sueco) é unha especialidade culinaria sueca propia da costa do noroeste do golfo de Botnia, na parte sur da Laponia sueca.
Debe o seu nome a Kalix, unha pequena vila (7.312 habitantes, censo de 2012),[1] capital do concello do mesmo nome (16.866 habitantes en 2012),[1] limítrofe co de Luleå, a capital do condado de Norrbotten, a provincia máis setentrional do reino de Suecia.
Caviar de Kalix | |
![]() | |
Características
editar
Trátase basicamente das ovas de corégono branco (Coregonus albula), peixe dulciacuícola da familia dos salmónidos que vive nos lagos e ríos do norte de Europa, principalmente en Finlandia, Suecia, Rusia e Estonia, ademais de nalgúns lagos de Escocia (Lochmaben, cerca de Dumfries) e de Inglaterra.[2]
A presenza deste peixe no norte do golfo de Botnia débese a que os grandes ríos da Laponia sueca, como o propio Kalix, que desemboca na vila, o Torne e o Lule deitan enormes caudais de auga nesta zona do golfo de Botnia, máis de 40 millóns de metros cúbicos ao ano.
En cambio, no lado finlandés do golfo a entrada de auga doce é moi baixa, sendo ademais o fondo de rochas e pouco profundo, así que non é un bo hábitat para a desova do corégono branco.
A mínima salinidade nesta zona (xa de por si baixa en todo o mar Báltico) é o que fai, segundo parece, que cambie o sabor das ovas destes peixes, facéndoos únicos só nesta área, polo que a UE lle concedeu a Indicación Xeográfica Protexida ao caviar de Kalix.[3] O caviar de Kalix es o único produto sueco que ten esta indicación.
O caviar de Kalix adoita servirse nos banquetes reais, sendo un prato común nos que o rei lles ofrece anualmente aos gañadores dos premios Nobel.
Pesca e procesado
editarO Kalix Löjrom componse das ovas do corégono branco (Coreginus albula) capturado no mar nunha zona xeográfica delimitada ao sur pola desembocadura do río Åby e ao norte pola desembocadura do río Torneå, e cuxo límite exterior se sitúa a 40 km da costa (dos concellos de Piteå, Luleå, Kalix e Haparanda.[3]
Os corégonos brancos viven nesta zona xeográfica, permanecendo nela durante todo o período de captura, xa que os fondos das costas das pequenas 1 500 illas dela constitúen unha zona de desova natural para a especie. As ovas deben extraerse do peixe o mesmo día da captura, engadíndolles un 4 % de sal (NaCl).[3]
Ao leste da desembocadura do río Torneå non existe ningunha zona de desova coñecida, e ao sur da do río Åby a salinidade é demasiado alta por seres escasas as augas doces que chegan a esta parte do golfo de Botnia. O tamaño real da zona de pesca varía en función dos volumes de auga doce que ocasionen as crecidas primaverais; en inverno, de rexistrarse nevadas intensas, a auga doce arrastra a auga salgada cara ao golfo de Botnia, e o límite exterior da zona de captura do corégono branco pode situarse a 40 km da costa. Se os corégonos poden apañar alimento nunha zona maior, a súa poboación aumenta.[3]
A produción do caviar de Kalix é puramente artesanal, e require moitos coñecementos e longa experiencia. En particular, o prensado das ovas require moita experiencia e inflúe de forma significativa na calidade do produto, coñecementos acreditados polos poboadores da zona debido á longa tradición na súa preparación.[3]
O corégano branco desta zona distínguese dos espécimes de augas totalmente doces pola súa alimentación. Na zona non existe ningún insecto de auga doce, e a alimentación destes peixes consiste en crustáceos planctónicos e larvas de insectos. Por isto as súas ovas son de cor laranxa, mentres que as dos de auga doce son amarelas, e presenta un sabor suave, redondo, con notas de aceite de peixe delicado e sal.[3]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Estatísticas de Suecia". Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2012. Consultado o 18 de agosto de 2013.
- ↑ Coregonus albula Arquivado 01 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. en Arkive. (en inglés)
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Regulamento Nº 510/2006 do Consello para "Kalix löjrom" (en castelán)
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Kalix löjrom (en inglés)
- Caviar de Kalix Arquivado 09 de agosto de 2013 en Wayback Machine. (en inglés)