Catedral de Beauvais
A catedral de San Pedro de Beauvais (en lingua francesa: Cathédrale Saint-Pierre de Beauvais) é un templo católico situado na vila de Beauvais, ao norte de Francia, no vale de Thérain de Picardie, na encrucillada das estrada que levan a Amiens, Soissons e París. É a sé do bispado de Beauvais, Noyon e Senlis. É, nalgún aspectos, o logro máis audaz da arquitectura gótica. Construída sobre un templo carolinxio do século IX, a catedral está incompleta, xa que só se remataron o cruceiro, o coro e a ábsida, formado por sete capelas absidais e deambulatorio.
Catedral de Beauvais | |
---|---|
![]() Catedral de Beauvais | |
Datos xerais | |
País | ![]() |
Rexión | ![]() |
Tipo | Catedral |
Advocación | San Pedro |
Localización | Beauvais, Picardía ![]() |
Coordenadas | 49°25′57″N 2°04′53″L / 49.4325, 2.0813888888889 |
Culto | |
Culto | Igrexa Católica |
Diocese | diocese de Beauvais, Noyon e Senlis. |
Arquitectura | |
Construción | 1272 |
Estilo | gótico |
Páxina web | www |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia e estilo
editarO bispado de Beauvais foi fundado, segundo a lenda, por san Luciano, o seu primeiro bispo, no século III d.C. Ao longo dos seguintes séculos construíronse unha serie de igrexas sobre a tumba do santo, no lugar no que hoxe en día se atopa a catedral. Malia non estar rematada segue a ser un dos edificios góticos máis impresionantes do mundo. Os arquitectos de Beauvais transgrediron os límites da técnica levando a cabo un valente experimento usando novas técnicas de construción. O experimento fracasou cando o deseño superou a viabilidade técnica e incluso hoxe en día os especialistas seguen a loitar cos problemas de estabilidade da catedral.
A construción da catedral de Beauvais coincidiu co ascenso ao trono de Lois IX de Francia, e constitúe o comezo do gótico radiante (en francés, rayonnant). O temperamento do promotor, Milón de Nanteuil, non puido soportar con indiferenza as grandes catedrais que se levantaban en lugares como París, Amiens ou Reims e en 1225 decidiu comezar a erguer unha catedral que fose máis alta que as que se estaban a construír.
Os herdeiros de Milón, Renato e Thibaut de Nanteuil prosiguiron coa construción da obra, mais cando se acabou a súa dinastía os labores foron paralizados e todo o esforzo dedicouse a consolidar aquilo que os Nanteuil tiñan construído. A finais do século XIII, dous contrafortes da ábsida crebaron e caeron varias bóvedas do coro, pero case corenta anos máis tarde, “Reducida a un simple coro-ábsida de elevación prodixiosa”,[1] a igrexa foi reforzada por completo. A fins do século XV, o arquitecto máis famoso da época, Martin Chambiges, continuou a construción da obra e só a mediados do XVI decidiron levantar unha frecha-torre no cruceiro, unha vez máis demasiado alta para a súa completa estabilidade (153 metros), derrubándose en 1573. Ademais no interior perseguiuse unha altura de 48 metros, unha cifra impresionante para a época. Por mor das múltiples reestruturacións e restauracións que seguiron aos derrubamentos e aos subseguintes problemas estruturais, o gótico perdeu o pulo que tiña. Amiens e Beauvais supoñen o último chanzo da grande arquitectura gótica francesa, onde a verticalidade e a luz -grandes arelas do gótico- acadan o seu máximo esplendor. Como novidade, o muro exterior do triforio é calado polo que a nave central se ilumina tamén mediante o piso intermedio. As arcarías érguense mediante arcos extremadamente apuntados e o claristorio faise enormemente alto, co que a altura total da bóveda roza os 50 metros no caso de Beauvais.
En Beauvais, ademais, podemos apreciar elementos do Gótico pleno (as bóvedas sexpartitas), do Gótico radiante (grandes vidreiras e rosetóns con trazaría en forma de roda), e do Gótico flamexante (a portada sur do cruceiro, onde as liñas ornamentais adquiren perfil de lapa). É polo tanto unha síntese das distintas etapas do Gótico, aínda que predomina o estilo radiante: nesta fase, a luz adquire o total protagonismo xa que se desmaterializa o muro en detrimento da altura para colocar vidreiras, mediante rosetóns ou grandes vans con trazarías.
Exterior da catedral
editarSan Pedro de Beauvais érguese sobre o chan até os 48 metros. O edificio é impoñente malia o seu estado inconcluso. Falta a nave que debía completar a obra cara ao oeste. O transepto mide 58 dun extremo a outro e a distancia dende o fondo da ábsida até a fachada que pecha o espazo no que debería arrincar a nave mide aproximadamente 58 metros. A bóveda descarga sobre unha serie de colosais contrafortes ao máis puro estilo gótico: esveltos, rematados con agullas e decorados con gárgolas que representan a criaturas infernais. Aínda que a catedral pertence en esencia ao gótico radiante, as agullas que rematan os contrafortes son máis propias do gótico flamexante, como tamén o son as fachadas do transepto, das que falaremos máis tarde.
O espazo que debería encher a nave está ocupado por unha obra anterior: a Basse Oeuvre, unha igrexa anterior ao inicio da construción da catedral que en principio debía ser substituída por esta. Porén, ao terse abandonado a construción, a catedral quedou acaroada a esta antiga igrexa románica e agora ambas as dúas construcións forman un todo.
Entre os contrafortes poden apreciarse as grandes vidreiras propias do estilo radiante, que deixan paso á luz creando xogos de cores no interior.
A construción serodia do cruceiro supuxo un deses cambios de estilo tan comúns neste tipo de construcións: San Pedro de Beauvais inaugurara o Gótico radiante, mais no momento da construción das fachadas triunfaba o Gótico flamexante. Neste estilo, as formas xa de por si barrocas do Gótico radiante complícanse aínda máis. A pedra retórtase creando formas caprichosas que lembran a lapas, cun pulo do estético sobre o estrutural. Un dos elementos que sufriu un maior cambio é o rosetón. No flamexante, aumentan de tamaño e adquiren formas moito máis complicadas. A primeira consecuencia deste cambio é estrutural: os rosetóns non son elementos de sustento efectivos, polo que o aumento do seu tamaño implica unha maior inestabilidade.
Neste estilo enmárcanse as fachadas do transepto. Ditas fachadas foron construídas por Martin Chambiges no século XVI. Dende entón, a fachada sur serviu de pórtico principal á catedral. As portas de madeira deste pórtico mostran escenas da vida de San Pedro e San Paulo e enmárcanse xa na Renacenza.
En 1605 foi construída unha parede que pechaba a catedral no espazo onde debería arrancar a nave. Este muro, en inicio provisional, foi o cerramento da catedral até o día de hoxe.
Porén, a catedral de Beauvais non sempre tivo o seu aspecto actual: unha gran frecha foi construída sobre o cruceiro. Esta torre erguíase até os 153 metros, a mesma altura que a Gran Pirámide, converténdose no momento de ser rematada (1567) na segunda estrutura máis alta do mundo. Porén derrubouse o día da Ascensión de 1573, poucos minutos despois de que os fieis e os cregos abandonasen o templo en procesión. Fora deseñada polo arquitecto Jean Vast e a súa construción iniciouse en 1566.
Cifras
editar- Lonxitude interior do transepto: 58,6 m.
- Lonxitude do coro: 47 m.
- Altura exterior: 67 m (as torres de Notre-Dame de París acadan os 69 metros, as torres de Santiago de Compostela os 80 metros).
- Altura da fachada meridional: 64,4 m.
- Altura do coro: 48 m (récord mundial nunha catedral gótica; comparándoa con outras: Palma de Mallorca 44 m, Amiens 42,3 m; Metz 41,41 m; Reims 38 m; Bourges 37,5 m).
- Diámetro dos rosetóns norte e sur: 11 m.
- Altura dos tres niveis do coro:
- Arcada: 21,2 m.
- Triforio: 4 m.
- Claristorio: 17 m.
- Altura da frecha (derrubada en 1573): 151,6 m.
Notas
editar- ↑ J.PIJOAN; Summa artis, tomo XI, p. 140; Ed. Espasa-Calpe; Sétima Edición.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Catedral de Beauvais |
Bibliografía
editar- PIJOAN, José; Summa Artis, Vol. XI; Ed. Espasa-Calpe; Sétima Edición 1982; Primeira Edición 1948.
- COMO, Mario (2009); “The Collapse of the Beauvais Cathedral in 1284: The Conjecture of the Creep Buckling Piers”
- https://www-docs.tu-cottbus.de/bautechnikgeschichte/public/openaccess/comomario_oa.pdf[Ligazón morta]
- ESPAÑOL BERTRÁN, Francesca; Historia del Arte, Vol. 19, Arte Gótico 1; Ed. Historia 16.
- PIJOAN, José; Historia del arte, tomo 4, Arte gótico en Francia; 1971.
- ADORNO, Piero; L’arte italiana, Vol. 1; Décimo cuarta Edición 2007; Primeira Edición 1985.
- Athena Review, Vol. 4, No. 2