Berberecho bravo
Berberecho bravo | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Acanthocardia echinata Linnaeus, 1758 |
O berberecho bravo[1] (Acanthocardia echinata, Linnaeus 1758; antes Cardium echinatum) é un molusco bivalvo da familia dos Cárdidos (Cardiidae), da orde Veneroida.

Morfoloxía
editarDe cuncha sólida, equivalva e inequilateral, dun perfil ovalado. Chega a medir 8 cm de lonxitude.
A superficie da cuncha está sucada por 18-22 costelas patentes, de disposición radial, dotadas dunha fila de espiñas ocas, unidas entre si. No centro de cada costela hai un suco fino sobre o que asentan aquelas espiñas. As liñas de crecemento, concéntricas, son nítidas. A zona da marxe da superficie interna presenta uns sucos que corresponden coas costelas.
A cor é branca ou crema, e o interior branco.
Hábitat e bioloxía
editarDistribúese pola costa europea do Atlántico, desde Noruega ata a costa de Marrocos, entrando no Mediterráneo.
Vive sobre fondos de area, lama ou cascallos, desde a franxa infralitoral ata grandes profundidades.
En Galicia é abundante na entrada das rías pero non é obxecto de pesca. As escasas capturas que se realizan utilízanse para a elaboración de conservas, como o berberecho marolo (Acanthocardia tuberculata).
Ríos Panisse recolleu abundante sinonimia para esta especie nos diferentes portos da costa galega, como arola (aínda que é moi diferente da verdadeira arola), berberecho francés, berberecho macho, berberecho castellano (en Vilanova de Arousa), berberecho de altura, burro (en Cangas), can (en Lira), pata de mula/mulo (en Panxón, Nigrán, e en Bouzas, Vigo), ademais dos comúns para estes cárdidos como carneiro, cascarneiro, carneira ou carneirolo. En Sada e Caión (A Laracha) denomínano marolo, como á especie Acanthocardia tuberculata, pola súa similitude e por ambas elas teren un aspecto marolo (groso, robusto)[2], en comparanza co berberecho común.
Notas
editar- ↑ "Dicionario de alimentación e restauración" (PDF). p. 49. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de abril de 2016. Consultado o 16 de xaneiro de 2018.
- ↑ X. L. Franco Grande (1972): Diccionario galego-castelán, 2ª ed., Galaxia, Vigo, in Dicionario de Dicionarios. Corpus lexicográfico da lingua galega. Universidade de Santiago de Compostela e Instituto da Lingua Galega
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Berberecho bravo |
Bibliografía
editar- RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
- RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.