Babe Zaharias
Mildred Ella Didriksen "Babe" Zaharias, nada en Port Arthur (Texas) o 26 de xuño de 1911 e finada en Galveston (Texas) o 27 de setembro de 1956, foi unha deportista estadounidense, considerada unha das atletas máis polivalentes da historia. Destacou en disciplinas deportivas como o golf, o baloncesto, o béisbol ou o atletismo. De nova xogou no equipo masculino de béisbol dos Brooklyn Dodgers, onde recibiu o alcume de "Babe".
Traxectoria
editarCon 21 anos, participou nos Xogos Olímpicos de 1932 nos Ánxeles, e aínda que Mildred pretendeu participar en cinco disciplinas de atletismo, seguindo os regramentos, só puido tomar parte en tres, polo que finalmente competiu en lanzamento de xavelina, 80 metros valla e salto de altura. Nas tres categorías conseguiu medalla: foi ouro nas categorías de xavelina e 80 metros valla (nesta categoría ademais bateu o récord mundial) e prata nunha controvertida final de salto de altura, xa que obtivo a mesma marca que a súa compañeira Jean Shiley, mais os xuíces decidiron outorgarlle a medalla de ouro a Shiley, relegando a Didriksen a subcampioa.
Buscando novos desafíos, en 1935 atopou o golf. Pouco despois puido medirse cos mellores golfistas do país. En 1938 competiu no Aberto dos Ánxeles, un torneo masculino de golf, sendo o seu adestrador George Zaharias, un coñecido loitador profesional e promotor deportivo, co que Didriksen casaría en decembro dese mesmo ano; e converteuse en, até o momento, a única muller que superou o corte nun torneo de golf profesional no que competisen homes. En 1942 conseguiu o status de xogadora afeccionada e alcanzou o rango de profesional en 1947. Como profesional gañou tres veces o Aberto dos Estados Unidos feminino e foi a primeira golfista estadounidense que venceu no campionato británico de afeccionados na localidade escocesa de Gullane. Zaharias foi inscrita en 1951 no Salón da Fama do Golf Mundial. En 1956 gañou por última vez o Aberto dos Estados Unidos e pouco despois faleceu de cancro.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Babe Zaharias |
Bibliografía
editar- Cayleff, Susan E. (1996). Babe: The Life and Legend of Babe Didrikson Zaharias. University of Illinois Press. ISBN 978-0-252-06593-4.
- Klawans, Harold L. (1996). 'Why Michael Couldn't Hit and Other Tales of the Neurology of Sports. W.H. Freeman & Company. ISBN 978-0-7167-3001-9.
- Van Natta Jr., Don (2011). Wonder Girl: The Magnificent Sporting Life of Babe Didrikson Zaharias. Little, Brown and Company. ISBN 978-0-316-05699-1.
- Zaharias, Babe Didrikson (1955). This Life I've Led: My Autobiography. New York A.S Barns & Co. ASIN B0018EAHXW.