Bacharelato Unificado Polivalente
Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) foi a denominación oficial da educación secundaria no Estado español, regulada pola Lei Xeral de Educación de 1970.[1] Comezou a implantarse no curso 1975-76 con 1º de BUP, e ampliouse a 3º no curso 1977-78. Comezou a extinguirse progresivamente tras a aplicación da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo de España (LOGSE) de 1990[2] e desapareceu definitivamente no ano 2000.
Estrutura curricular
editarConstaba de tres cursos:
- 1º de BUP, que corresponde ao actual 3º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) .
- 2º de BUP, que corresponde ao actual 4º da ESO.
- 3º de BUP, que se corresponde co actual 1º de Bacharelato.
En 1º de BUP cursábanse as seguintes materias:[3]
- Lingua Castelá e Literatura
- Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés)
- Lingua Galega (ou lingua vernácula en Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciana, Navarra e País Vasco)
- Debuxo
- Música e Actividades Artístico-Culturais
- Historia (occidental)
- Ética ou Relixión (Ética despois de 1979)
- Matemáticas
- Ciencias da Natureza
- Educación Física e Deportiva
En 2º de BUP as materias eran:
- Lingua Castelá e Literatura
- Latín
- Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés)
- Lingua Galega (ou lingua vernácula en Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciana, Navarra e País Vasco)
- Xeografía e Historia
- Ética/Relixión
- Matemáticas
- Física e Química
- Educación Física e Deportiva
- EATP (Ensinanzas e Actividades Técnico-Profesionais). Escollíase unha materia entre as ofertadas en cada centro, no catálogo podías atopar: Debuxo Técnico/Deseño, Electricidade, Informática, Teatro, Segunda Lingua Estranxeira, Traballos Domésticos, Fotografía, Astronomía, etc.
En 3º de BUP había materias comúns e optativas (dependendo da rama escollida).
As materias comúns para as ramas de ciencia e arte eran:
- Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés)
- Lingua Galega (ou vernácula en Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Navarra e País Vasco)
- Xeografía e Historia (Historia do Mundo Contemporáneo)
- Filosofía
- Ética/Relixión
- Educación Física e Deportiva
- EATP (Ensinanzas e actividades técnico-profesionais)
Ademais, os alumnos tiñan que escoller entre dúas opcións, ciencia e literatura; elixindo tres materias das catro optativas que se ofertaban en cada opción, que complementaban as materias obrigatorias, comúns para ambas ramas.
As materias optativas ofertadas en cada rama foron:
- opción A: "Letras": Literatura, Latín, Grego e Matemáticas.
- opción B: "Ciencias": Física e Química, Ciencias da Natureza, Matemáticas e Literatura.
Despois de rematar o BUP, e antes de cursar a Selectividade de acceso á Universidade, era necesario cursar o Curso de Orientación Universitaria (COU), equivalente ao actual 2º de Bacharelato. Neste curso o alumnado podía optar, a partir de 1987,[4] entre dúas ramas de Ciencias (opción Biosanitaria e Técnica) e dúas de Literatura (Ciencias Sociais e Humanidades).
Características
editarA avaliación realizouse mediante notas textuais e tiña carácter de continua, con dúas convocatorias globais, unha en xuño e outra en setembro.
Nos centros públicos (Institutos de Secundaria) as materias eran impartidas por profesores pertencentes ao Corpo de Profesores de Bacharelato e ao Corpo de Profesores Asociados de Bacharelato que foron, co visto e prace da LOGSE, integrados forzosamente no corpo de Profesores de Educación Secundaria, xunto cos antigos profesores de Formación profesional (FP).
A súa implantación aumentou nun ano o tempo necesario para acceder á Universidade.
Notas
editar- ↑ "Ley 14/1970, de 4 de agosto, General de Educación y Financiamiento de la Reforma Educativa. BOE. 06/08/1970; (187):12525-46.". Arquivado dende o orixinal o 9 de xaneiro de 2012. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ "Ley Orgánica 1/1990, de 3 de octubre de 1990, de Ordenación General del Sistema Educativo. BOE. 04/10/1990; (238):28927-42.". Arquivado dende o orixinal o 7 de setembro de 2011. Consultado o 18 de febreiro de 2019.
- ↑ Orde do 22/3/1975 que desenvolve o Plan de Estudos do Bacharelato http://www.boe.es/boe/dias/1975/04/18/pdfs/A08049-08068.pdf
- ↑ Orde do 3 de setembro de 1987 http://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1987-21337