BIBFRAME
BIBFRAME (do inglés: Bibliographic Framework) é un modelo de datos para a descrición bibliográfica. BIBFRAME, deseñado para substituír aos estándares MARC, emprega datos ligados (en inglés: linked data) para que os datos bibliográficos sexan máis útiles tanto dentro coma fóra da comunidade bibliotecaria.[1]
Historia
editarOs estándares MARC, que BIBFRAME busca substituír, foron desenvolvidos por Henriette Avram, da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, durante a década dos 60.[2] Cara a 1971, o formato MARC convertérase no estándar nacional para a diseminación de datos bibliográficos nos Estados Unidos; en 1973, pasou a ser un estándar internacional.
Nun artigo de 2002 titulado "MARC Must Die" ("MARC debe morrer"), Roy Tennant indicou que o estándar era antigo, que o seu uso estaba restrinxido só á comunidade bibliotecaria, e que fóra deseñado para presentar datos, non para o seu almacenamento e recuperación.[3] Pola súa banda, un informe da Biblioteca do Congreso de 2008 notou que MARC "está baseado en técnicas para a xestión de datos de hai corenta anos, e non está ao día dos estilos de programación actuais".[4]
Xa que logo, en 2012 a Biblioteca do Congreso anunciou un contrato con Zepheira, unha empresa especializada en xestión de datos, para a creación dunha alternativa a MARC fundamentada nos datos ligados.[5] Nese mesmo ano, informou tamén sobre un novo modelo chamado MARC Resources (MARCR).[6] En novembro, publicaron un esquema máis completo deste modelo, co nome de BIBFRAME.[1]
Estrutura
editarBIBFRAME exprésase en RDF e fundaméntase en tres categorías de abstracción (obra, exemplar e ítem), xunto con tres clases (axente, materia e evento) que se relacionan coas categorías.[7] Ao catalogar un recurso (por exemplo, un libro), a descrición resultante inclúe elementos como o autor, o tema da obra, os formatos nos que está publicada e información sobre copias do libro. BIBFRAME organiza esta información en tres niveis básicos de abstracción: obra (en inglés: work), exemplar (en inglés: instance) e ítem (en inglés: item). Estas categorías relaciónanse coas clases de axente, materia e evento.[7]
Niveis de abstracción e clases
editarO nivel máis alto de abstracción é o de obra. Unha obra, no contexto de BIBFRAME, reflicte a esencia conceptual do recurso catalogado: autoría, idiomas e temas que trata. Unha mesma obra pode ter unha ou máis expresións individuais (por exemplo, unha forma de publicación en particular), que constitúen os seus exemplares. Xa que logo, no nivel de exemplar recóllese información como editor, lugar, data de publicación ou formato. Finalmente, un ítem é unha copia real (física ou electrónica) dun exemplar concreto. Así, neste nivel inclúese información como a ubicación (física ou virtual) do ítem, a sinatura topográfica ou o código de barras.
Para alén dos niveis de abstracción, BIBFRAME define tres clases principais. Canto aos axentes, estes poden ser persoas, organizacións, xurisdiccións etc. asociados a unha obra ou exemplar a través de roles como o de autor, editor, artista, fotógrafo, compositor ou ilustrador, entre outras. Pola súa banda, as materias son os conceptos sobre os que versa unha obra, como temas, lugares, expresións temporais, eventos, obras, axentes etc. Para rematar, os eventos son sucesos rexistrados no contido dunha obra.
Vocabulario e anotacións
editarO vocabulario de BIBFRAME está conformado por clases e propiedades de RDF. As clases inclúen as tres principais mencionadas anteriormente, así como varias clases adicionais, moitas das cales son subclases das principais. As propiedades describen as características dun recurso en particular, así como as súas relacións con outros recursos. Por exemplo, unha obra pode ser "tradución de" outra.
BIBFRAME conta tamén con anotacións, que teñen diversos usos. Un dos máis relevantes é representar os datos dun fondo bibliotecario a nivel de ítem. As anotacións poden indicar que biblioteca dispón dun ítem concreto ou cal é o seu estatus e localización. Así mesmo, as anotacións permiten proporcionar información adicional sobre unha obra ou exemplar, como o deseño das cubertas, reseñas, ou comentarios xerados polos usuarios.[9]
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Denenberg, Ray, ed. (2013). BIBFRAME Annotation Model (en inglés). Library of Congress. Arquivado dende o orixinal o 02/04/2015.
- MacDougall, Kathy; Miller, Eric; Mueller, Victoria; Ogbuji, Uche (2012). Bibliographic Framework as a Web of Data: Linked Data Model and Supporting Services (PDF) (en inglés). Library of Congress.
- McCallum, Sally (2012). "Bibliographic Framework Initiative Approach for MARC Data as Linked Data" (PDF). 7th Annual IGeLU Conference (en inglés).
- McCallum, Sally (2017). "BIBFRAME Development". JLIS.it (en inglés) 8 (3): 71–85. doi:10.4403/jlis.it-12415. Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2017. Consultado o 04 de febreiro de 2025.
- Schudel, Matt (2006). "Henriette Avram, 'Mother of MARC' Dies". Library of Congress (en inglés). Consultado o 04/02/2025.
- Tennant, Roy (2002). "MARC Must Die". Library Journal (en inglés) 127 (17): 26–27. Arquivado dende o orixinal o 07/04/2015.
- Library of Congress (2012). "The Library of Congress Announces Modeling Initiative (May 22, 2012)". www.loc.gov (en inglés). Consultado o 04/02/2025.
- Library of Congress (2016). "Overview of the BIBFRAME 2.0 Model". www.loc.gov. Consultado o 04/02/2025.
- The Library of Congress Working Group on the Future of Bibliographic Control (2008). On the Record (PDF) (en inglés). Library of Congress.