Asemblea Lexislativa de Dacota do Norte
A Asemblea Lexislativa de Dacota do Norte (en inglés, North Dakota Legislative Assembly) é a institución que exerce o poder lexislativo de Dacota do Norte. Conta cun total de 141 lexisladores elixidos por sufraxio universal que se reparten entre as dúas cámaras coas que conta o parlamento: o Senado e a Cámara de Representantes. A súa sede está no Capitolio estatal de Dacota do Norte, en Bismarck.
Asemblea Lexislativa de Dacota do Norte | |
---|---|
![]() | |
Tipo | parlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo |
Sede | Capitólio Estadual da Dakota do Norte |
Na rede | |
http://www.legis.nd.gov | |
[ editar datos en Wikidata ] |

Composición
editarO artigo 4º da Constitución de Dacota do Norte, aprobada cando se incorporou á Unión en 1889, establece as competencias e a estrutura da Asemblea Lexislativa:[1]
- O Senado: é a cámara alta da Asemblea Xeral conta con 47 membros. Este son escollidos por cadanseu distrito uninominal cada catro anos, aínda que se levan renovacións parciais: escollendo 24 ou 25 senadores cada dous anos. O tenente gobernador do estado é o presidente da cámara, aínda que os senadores elixen entre eles a un presidente pro tempore, é dicir para presidilo cando o primeiro está ausente. O Senado funciona como cámara alta da Asemblea Xeral.
- Cámara de Representantes: integrada por 94 deputados. O mandatos dos representantes é de catro anos, aínda que a cámara renóvase na metade dos seus membros cada dous anos. Cada circunscrición electoral escolle a dous representantes, e cada dous anos votan na metade dos distritos.
Os candidatos a ambas cámaras deben cumprir cos seguintes requisitos: ser maior de 18 anos, residir no estado, cando menos, dende hai un ano e poder votar no distrito polo que concorre.[2]
Proceso lexislativo
editarUn lexislador, sexa senador ou representante, pode iniciar o proceso mediante a elaboración dunha proposta. Antes de rexistrala na cámara á cal pertenza, debe redactala coa axuda do Consello Lexislativo para dotala dos requisitos técnicos precisos. Logo procédese á primeira lectura na cámara, a iniciativa é presentada e derivada a unha comisión parlamentaria segundo a súa temática. Nesa fase, a comisión valora e debate a proposta, de non ser rexeitada, o proceso lexislativo prosegue e chega ao pleno da cámara. Alí é de novo lida, a segunda lectura, e debátense as emendas, antes de votala. No caso de ser aprobada, envíase á outra cámara, onde o proxecto seguirá o mesmo procedemento, podendo ser modificada. En tal caso, unha vez remata o proceso na segunda cámara, volverá a ser votada na cámara orixinal. Se a cámara orixinal rexeita as mudanzas, constitúese unha comisión conxunta con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.
Tras superar o voto das cámaras, remítese ao Gobernador para que a asine pero de non concordar con ela pode vetala. Mais nese caso, a Asemblea Lexislativa pode anulalo co voto de dous terzos de ambas as dúas cámaras.[3]
Notas
editar- ↑ "Constitution of North Dakota. ARTICLE IV" (PDF). North Dakota Legislative Branch.
- ↑ "Qualifications and Terms of Office for all Elected Positions in North Dakota" (PDF). North Dakota Secretary of State.
- ↑ "How a bill becomes law". North Dakota Stockmen's Association (en inglés). Consultado o 2022-08-30.