As Roladas
As Roladas: folla dos rapaciños galegos (1922) foi unha revista infantil escrita enteiramente en galego e posta en marcha desde Madrid por Ramón Cabanillas, quen nomeou esta publicación igual que a entidade escolar infantil galega que el mesmo impulsaba. Impresa en Madrid na editorial Ibérica, foi o primeiro intento de facer unha revista infantil en galego e tivo unha vida moi breve, xa que constou de só dous números correspondentes a maio e xullo de 1922. Porén, tivo unha continuación a partir de 1978 chamada As Roladas 2 e editada agora polo Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega.
As Roladas | |
---|---|
País | España |
Lingua | lingua galega |
Fundación | 1922 |
Descrito por | Diccionario da literatura galega e Enciclopedia Galega Universal |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarFoi en 1922 cando Ramón Cabanillas, orixinal de Cambados mais naquel tempo residente en Madrid, tentou renovar o panorama pedagóxico de Galicia facendo fincapé na lingua galega. Deste xeito naceron dúas iniciativas, a revista mensual As Roladas e a entidade escolar do mesmo nome, que pretendían elaborar un novo modelo pedagóxico distinto do oficial, o cal rexeitaba todo o relativo ás culturas e linguas distintas do español.[1]
Este proxecto foi anunciado por un redactor anónimo do xornal Galicia Nueva (Vilagarcía de Arousa) na publicación do 7 de maio de 1922. Tratábase dun plan no que grupos de nenos de cada parroquia e cada vila recolleran notas e apuntamentos sobre calquera cousa relacionada coa cultura galega, como a toponimia e o folclore. Os nenos deberían manter unha conduta impecábel, xamais faltar á verdade e debían estar dispostos a defender Galicia con convencemento. A súa finalidade era contribuíres ao espertar de Galicia enraizando a mocidade á terra e facéndoa relixiosa, culta, honrada e traballadora; orgullosa da súa lingua e respectuosa coa xente e a contorna.
Foi entón cando a Editorial Ibérica, contando co patrocinio financeiro de Leonardo Rodríguez, do Marques de Figueroa e de Wenceslao Fernández Flórez, entre outros, sacou á luz o boletín mensual As Roladas, subtitulado Folla dos rapaciños galegos, ao prezo de 10 céntimos de peseta e que constaba de catro páxinas ilustradas en branco e negro. Malia que o consello directivo estaba formado polo Marqués de Figueroa, Leonardo Rodríguez, Prudencio Rovira, Manuel Portela Valladares, Antonio Palacios, Vicente Risco e Fernández Flórez, o director e redactor principal foi o mesmo Ramón Cabanillas, cuxo enderezo particular figurou como sede da publicación durante a efémera vida desta.
Artistas colaboradores
editarEscritores como o propio Cabanillas, Máximo Ramos, Roberto Blanco Torres, Manuel Fuentes Canal, Victoriano Taibo, Roxelio Rodríguez Díaz e Antón Villar Ponte compartiron as páxinas destes dous únicos números co lapis de artistas como Castelao, Antonio Palacios, Álvaro Cebreiro ou Francisco Lloréns.
As Roladas 2
editarNo Vigo de 1978 o Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega comezou a editar unha segunda versión desta revista pedagóxica, esta vez en boletíns trimestrais en lugar de mensuais e considerablemente máis longos que as publicacións de catro páxinas orixinais.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- "Roladas, As". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Checa Godoy, Antonio (2002). Historia de la prensa pedagógica en España. Universidad de Sevilla.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.
Ligazóns externas
editar- Viana, Victor (13/11/2011). "Cuando Cabanillas invitó a crear las Roladas" Faro de Vigo, 13/11/2011 (en castelán).