Arquidiocese católica latina de Canterbury
A arquidiocese metropolitana de Canterbury foi unha diocese católica latina en Inglaterra, suprimida en 1558.
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Poboación | ||||
Relixión | Igrexa católica latina | |||
Datos históricos | ||||
Creación | 596 | |||
Disolución | 1558 | |||
Sucedido por | Diocese de Canterbury | |||
Historia
editarA chegada dos anglos, dos saxóns e dos xutos cara a metade do século V puxo fin á estrutura cristiá existente na Britania romana. Foi o papa Gregorio Magno a finais do século VI quen asumiu a tarefa de evanxelizar aos novos pobos aínda pagáns, co envío dun grupo de misioneiros beneditinos, guiados por Agostiño de Canterbury. Partiron de Roma na primavera de 596, e chegaron á costa da illa de Thanet un ano despois.
Thanet pertencía ao reino de Kent e, segundo sabía o papa Gregorio, na corte de Canterbury había a posibilidade e exercer unha acción misioneira eficaz, xa que o rei Aethelberht casara coa cristiá Berta, filla do rei franco Cariberto I; con Berta arribara á corte de Kent o bispo Liutardo que, para atender ás necesidades espirituais da raíña, adaptara a igrexa que restaba da Canterbury romana. As previsións do papa foron acertadas, e na Pascua de 601 Aethelberht recibiu o Bautismo, sendo o primeiro monarca anglosaxón convertido ao cristianismo.
Agostiño, que na súa viaxe a Inglaterra fora consagrado bispo na Galia, instituíu a sé episcopal de Canterbury (602); e coa axuda do rei iniciou a construción da catedral de Cristo Salvador e fundou na antiga igrexa de San Martiño un mosteiro, cuxa igrexa estaba destinada a acoller as tumbas dos bispos e da corte real de Canterbury.
Dende o punto de vista do papa Gregorio, a antiga Britania romana debía ser subdividida en dúas provincias eclesiásticas, con sés en Londres e York, que eran as antigas capitais das provincias romanas. Por este motivo no 601 o bispo Agostiño recibiu o palio co cometido de estabelecer a súa sé en Londres. Porén, en Roma non era coñecida con exactitude a situación política da rexión: Londres pertencía ao Reino de Essex, cuxo rei era aínda pagán. O proxecto inicial era por tanto impracticable, e a sé de Canterbury pasou por tanto a asumir unha preminencia entre as dioceses anglosaxoas, e esta preminencia foi sancionada en 624 polo papa Bonifacio V co envío do palio ao bispo Xusto de Canterbury.
Á morte de Agostiño (604 ou 605) non faltaron algúns episodios, mesmo cruentos, de retorno ao paganismo, mais no reino de Kent o cristianismo estaba xa solidamente asentado, especialmente grazas aos primeiros sucesores de Santo Agostiño, todos eles venerados como santos tanto no catolicismo como no anglicanismo. Entre eles sobresae a figura de Teodoro, un grego de Tarso. Durante o seu longo episcopado (669 - 690), Teodoro foi o primeiro bispo de Canterbury en ser recoñecido por toda a igrexa inglesa. Esforzouse en dar forma ás dioceses anglosaxoas, que á súa morte alcanzaban o número de 13. Fundou a importante escola de Canterbury, onde se formaban as personalidades máis importantes do mundo cultural inglés da época, entre os que salientan as figuras de Aldelmo de Malmesbury, Beda o Venerable e Alcuíno de York.
Non foi até o 735 cando se realizou o proxecto de Gregorio Magno, coa constitución da segunda provincia eclesiástica anglosaxoa, a de York, que deixou a Canterbury sen xurisdición sobre as sés de Northumbria, Lindisfarne, Hexham e Whithorn.
Cara ao final do século VIII, o poderoso rei de Mercia traballou para minar a supremacía de Canterbury sobre a Igrexa en Inglaterra. En 788 o rei Offa erixiu a provincia eclesiástica de Lichfield, mais foi unha metrópole de breve existencia (até o 802). Un dos seus sucesores, Cenwulf, tentou trasladar a sé metropolitana da Inglaterra meridional dende Canterbury a Londres, apelando á idea inicial do papa Gregorio, mais este proxecto tampouco tivo éxito, debido á tradición que xa tiña a sé de Agostiño e de Teodoro.
A partir do 834 comezaron as invasións dos viquingos, aínda pagáns, que devastaron a Inglaterra central e setentrional, chegando a estabelecer un reino autónomo (Danelaw). Grazas ás campañas militares dos reis de Wessex-Sussex-Kent Alfredo o Grande e o seu fillo Eduardo, púidose evitar o aniquilamento total dos reinos anglosaxóns e, con eles, da presenza cristiá nas illas. Co neto de Alfredo, Atelstano (925-939), completouse a tarefa de reconquista e de unificación dos antigos reinos anglosaxóns.
A obra de reconstrución política e militar de Inglaterra foi acompañada dunha obra análoga de reconstrución e de reforma da vida eclesiástica e relixiosa. Neste proxecto salientan tres monxes da Orde de San Bieito, posteriormente canonizados, postos ao cargo das dioceses inglesas máis importantes: Oswald de York, Ethelwold de Winchester e Dunstan de Canterbury. A obra conxunta dos tres bispos trasladou aos mosteiros ingleses o modelo das abadías de Cluny e Fleury, e levou á predominancia do modelo monástico nas dioceses. Dunstan avogou polo celibato sacerdotal, procurou unha mellor formación dos cregos, reforzou o elemento monástico no episcopado inglés e compuxo un ordo para a coroación dos monarcas empregado durante moitos anos na corte inglesa: nestes traballos foi apoiado pola lexislación do rei Edgar, que regulamentaba os diferentes detalles da vida relixiosa e eclesiástica.
A sé de Canterbury viviu un momento de crise nos turbulentos anos do derradeiro rei anglosaxón Eduardo o Confesor, quen, tentando reconciliarse co partido pro-normando, promoveu a sé primacial inglesa ao francés Roberto. Isto provocou a reacción dos opositores, que perseguiron a Roberto e o substituíron co inglés Stigand de Winchester, quen chegou a obter o palio do antipapa Bieito X.
Os sucesivos acontecementos políticos, que levaron á conquista normanda de Inglaterra e ao ascenso ao trono de Guillermo o Conquistador (1066), favoreceron a introdución da reforma gregoriana no reino anglo-normando.
O século XII caracterizouse polos feitos relacionados co rei Henrique II e o arcebispo Thomas Becket, os seus duros enfrontamentos, o primeiro en defensa do absolutismo político e o segundo na defensa da autonomía e dos privilexios da Igrexa, que levaron ao asasinato de Becket na catedral de Canterbury o 29 de decembro de 1170.
En 1534, Henrique VIII separou a Igrexa inglesa de Roma, logo de tentar que a Igrexa Católica aceptara a anulación do seu matrimonio con Catarina de Aragón para poder casar con Ana Bolena. O papa Clemente VII rexeitou a anulación, e Henrique VIII proclamouse gobernador da Igrexa de Inglaterra, sendo excomungado por Paulo III.
Nestes anos difíciles e turbulentos de Henrique VIII e da chegada progresivo do anglicanismo, os diferentes arcebispos de Canterbury posicionáronse a favor dunha ou doutra parte. Entre eles salientou especialmente Thomas Cranmer, elixido arcebispo o 21 de febreiro de 1533, con simpatía polas ideas luteranas. Nomeado arcebispo, sería quen declararía a nulo o matrimonio de Henrique VIII con Catarina de Aragón. Cando Henrique VIII publicou os Seis artigos(agosto 1539), de clara tendencia católica, Thomas Cranmer tivo que renunciar temporalmente a achegar á igrexa inglesa ao luteranismo.
Porén, baixo o reinado do seu fillo Eduardo VI, adoptáronse máis formas de influencia protestante. Baixo a guía de Cranmer, procedeuse a unha reforma progresiva. Sentou un novo patrón de culto co Libro de Oración Común, con influencias protestantes. A confesión da Igrexa de Inglaterra reformada foi estabelecida nos 42 artigos. Porén, logo da morte de Eduardo VI (1553), chegou ao trono María I. Con ela houbo unha tentativa de restauración do catolicismo, cunha dura política persecutoria, que levou a condena á fogueira de 250 persoas, entre elas o mesmo Thomas Cranmer (1556). A raíña foi apoiada polo novo titular de Canterbury, o cardeal Reginald Pole. Ambos morreron en 1558.
Reginald Pole foi o derradeiro arcebispo de Canterbury en comuñón coa Santa Sé. A nova raíña, Isabel I, nomeou en 1559 á sé primacial inglesa a Matthew Parker, co que se inicia a serie dos arcebispos anglicanos.
No momento da ruptura da comuñón co Papa, a sé de Canterbury contaba con 20 dioceses sufragáneas: Bangor, Bath e Wells, Bristol, Chicester, Coventry e Lichfield, Ely, Exeter, Gloucester, Hereford, Llandaff, Lincoln, Londres, Norwich, Peterborough, Rochester, St Asaph, St David's, Salisbury, Worcester e Winchester.
Episcopoloxio
editar- Agostiño (597 - 26 de maio de 604, finado)
- Lourenzo (28 de abril de 640 - 2 de febreiro de 619, finado)
- Melito (619 - 24 de abril de 624, finado)
- Xusto (624 - 10 de novembro entre 627 e 630, finado)
- Honorio (627 - 30 de setembro de 653, finado)
- Adeodato (26 de marzo de 655 - 14 de xullo de 664, finado)
- Teodoro (26 de marzo de 668 - 10 de setembro de 690, finado)
- Berhtwald (1 de xullo de 692 - 13 de xaneiro de 731, finado)
- Tatwine (10 de xuño de 731 - 30 de xullo de 734, finado)
- Nothhelm (735 - 17 de outubro de 739, finado)
- Cuthbert (740 - 26 de outubro de 760, finado)
- Bregowine (27 de setembro de 761 - agosto de 764, finado)
- Jænberht (2 de febreiro de 765 - 12 de agosto de 792, finado)
- Æthelhard (21 de xullo de 793 - 12 de maio de 805, finado)
- Wulfred (outubro de 805 - 24 de marzo de 832, finado)
- Feologild (8 de xuño de 832 - 30 de agosto de 832, finado)
- Ceolnoth (27 de xullo de 833 - 4 de febreiro de 870, finado)
- Æthelred (870 - 30 de xuño de 888, finado)
- Plegmund (890 - 2 de agosto de 923, finado)
- Athelm (entre 923 e 925 - 8 de xaneiro de 926, finado)
- Oda (941 - 2 de xuño de 958, finado)
- Ælfsige (958 - 959, finado)
- Byrhthelm (959, deposto e enviado de volta a Wells)
- Dunstan (959 - 18 de maio de 988, finado)
- Æthelgar (988 - 13 de febreiro de 990, finado)
- Sigeric (990 - 28 de outubro de 994, finado)
- Ælfric (21 de abril de 995 - 16 de novembro de 1005, finado)
- Lyfing (1013 - 12 de xuño de 1020, finado)
- Æthelnoth (13 de novembro de 1020 - c. 29 de outubro de 1038, finado)
- Eadsige (1038 - 29 de outubro de 1050, finado)
- Robert de Jumièges (marzo de 1051 - setembro de 1052, deposto)
- Stigand (1052 - 11 de abril de 1070, desposeído)
- Lanfranc (29 de agosto de 1070 - 24 de maio de 1089, finado)
- Anselmo (4 de decembro de 1093 - 21 de abril de 1109, finado)
- Ralph d'Escures (26 de abril de 1114 - 2 de outubro de 1122, finado)
- William de Corbeil (8 de febreiro de 1123 - 21 de novembro de 1136, finado)
- Theobald de Bec (8 de xaneiro de 1139 - 18 de abril de 1161, finado)
- Thomas Becket (3 de xuño de 1162 - 29 de decembro de 1170, finado)
- Roger de Bailleul (1173, elixido para o cargo, mais rexeitouno)
- Richard (7 de abril de 1174 - 16 de febreiro de 1184)
- Baldwin de Forde (decembro de 1184 - novembro de 1190, finado)
- Reginald Fitz Jocelin (elixido en novembro de 1191, mais finou antes de ser confirmado)
- Hubert Walter (29 de maio de 1193 - 13 de xullo de 1205, finado)
- Reginald (elixido en novembro de 1205, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Inocencio III)
- John de Gray (elixido en decembro de 1205, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Inocencio III)
- Stephen Langton (17 de xuño de 1207 - 9 de xullo de 1228, finado)
- Walter d'Eynsham (elixido en agosto de 1228, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Gregorio IX)
- Richard le Grant (10 de xuño de 1229 - 3 de agosto de 1231, finado)
- Ralph Neville (elixido en setembro de 1231, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Gregorio IX)
- John de Sittingbourne (elixido en marzo de 1232, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Gregorio IX)
- John Blund (elixido en agosto de 1232, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Gregorio IX)
- Edmund Rich (2 de abril de 1234 - 16 de novembro de 1240, finado)
- Bonifacio de Savoia (1 de febreiro de 1241 - 14 de xullo de 1270, finado)
- William Chillenden (elixido en setembro de 1270, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Gregorio X)
- Robert Kilwardby (26 de febreiro de 1273 - 5 de xuño de 1278, renuncia)
- Robert Burnell (elixido en xuño ou xullo de 1278, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Nicolao III)
- John Peckham (19 de febreiro de 1279 - 8 de decembro de 1292, finado)
- Robert Winchelsey (12 de setembro de 1294 - 11 de maio de 1313, finado)
- Thomas Cobham (elixido en maio de 1313, mais a súa elección foi rexeitada polo papa Clemente V)
- Walter Reynolds (1 de outubro de 1313 - 16 de novembro de 1327, finado)
- Simon Mepeham (5 de xuño de 1328 - 1333, excomungado polo papa Xoán XXII)
- John de Stratford (3 de novembro de 1333 - 23 de agosto de 1348, finado)
- John de Ufford (nomeado en setembro de 1348, finou antes de ser consagrado)
- Thomas Bradwardine (19 de xullo de 1349 - 26 de agosto de 1349, finado)
- Simon Islip (20 de decembro de 1349 - 26 de abril de 1366, finado)
- William Edington (elixido en 1366, mais rexeitou o cargo)
- Simon Langham (24 de xullo de 1366 - 28 de novembro de 1368, renuncia)
- William Whittlesey (11 de outubro de 1368 - xuño de 1374, finado)
- Simon Sudbury (4 de maio de 1375 - 14 de xuño de 1381, finado)
- William Courtenay (31 de xullo de 1381 - 31 de xullo de 1396, finado)
- Thomas Arundel (25 de setembro de 1396 - 1397, privado do cargo e posteriormente restaurado)
- Roger Walden (8 de novembro de 1397 - 19 de outubro de 1399, privado do cargo e posteriormente nomeado Bispo de Londres)
- Thomas Arundel (restaurado o 19 de outubro de 1399 - 19 de febreiro de 1414, finado)
- Henry Chichele (12 de marzo de 1414 - 12 de abril de 1443)
- John Stafford (13 de maio de 1443 - 25 de maio de 1452)
- John Kempe (21 de xullo de 1452 - 22 de marzo de 1454)
- Thomas Bourchier (23 de abril de 1454 - 30 de marzo de 1486)
- John Morton (6 de outubro de 1486 - 15 de setembro de 1500)
- Thomas Langton (22 de xaneiro de 1501 - 27 de xaneiro de 1501, finado antes de ter sido confirmado)
- Henry Deane (26 de abril de 1501 - c. 15 de febreiro de 1503)
- William Warham (29 de novembro de 1503 - 22 de agosto de 1532)
- Thomas Cranmer (30 de marzo de 1533 - 1553, privado do seu posto por herexía, deixou o cargo o 13 de novembro de 1555)
- Reginald Pole (22 de marzo de 1556 - 19 de novembro de 1558, finado)