Alfredo Vallo García
Alfredo Vallo García, nado en Pregontoño (Burres, Arzúa) cara a 1906 e finado en Ponte San Xusto (Dombodán) o 27 de xullo de 1981, foi un industrial e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1906 ![]() Pregontoño, España ![]() |
Morte | 27 de xullo de 1981 ![]() Ponte San Xusto, España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | industrial, político ![]() |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español ![]() |
Traxectoria
editarFillo dun mestre nacional. Estivo emigrado no Uruguai e na Arxentina entre 1929 e 1934, onde traballou nunha ferraxería e nunha granxa agrícola que montaron os seus irmáns. Cando retornou foi dono dunha taberna-abacería e dunha serra en Dombodán. Participou na campaña da Fronte Popular para as eleccións de febreiro de 1936, mantivo un enfrontamento co cabo da garda Civil Nemesio Hortal e foi detido por pegar propaganda electoral, saíndo en liberdade ao cabo de dous días. Logo do triunfo da Fronte Popular, foi nomeado concelleiro de Arzúa. Foi vogal da primeira directiva do PSOE de Arzúa que presidía José Corzo Conde, constituída o 27 de abril de 1936.[1]
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estivo agochado durante un mes. Salvou da detención grazas ao seu irmán Daniel Vallo García que era requeté. Sufriu expediente de responsabilidades políticas.[2] Foi detido en 1948 por axudar á guerrilla xunto con outros veciños de Arzúa e a comarca de Deza. Xulgado na Coruña en marzo de 1949, foi condenado a tres anos de prisión.[3] Cumpriu condena na Prisión da Coruña de onde saíu en liberdade condicional en 1950.[4] Despois foi contratista de obras.[5] Finou en Ponte San Xusto o 27 de xullo de 1981.[6]
Vida persoal
editarCasou con Amalia Camino Bahamonde e foi pai de Ricardo, Carmen, Celia, Daniel, Eduardo e Celsa Vallo Camino.
Notas
editar- ↑ "El PSOE de Arzúa fija el 27 de abril como día del socialismo local", La Voz de Galicia, Santiago, 17-3-2010, p. L12.
- ↑ BOE, 8-11-1949, p. 2483.
- ↑ La Voz de Galicia, 23-3-1949, p. 3.
- ↑ BOE, 24-8-1950, p. 3705-3706.
- ↑ La Voz de Galicia, 12-7-1969, p. 8.
- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 28-7-1981, p. 55.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Lanero Táboas, Daniel (2006). Os remendos da memoria. A represión franquista no Concello de Arzúa (1936-1950). Arzúa: Concello. ISBN 84-606-4054-X.
- Lanero Táboas, Daniel (2008). "Unha aproximación á conformación dos poderes locais en Galicia. Arzúa entre a II República e a protoinstitucionalización do réxime franquista (1931-1937)" (PDF). En Universidade de Santiago de Compostela. A patria enteira. Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández. Santiago de Compostela. pp. 171–194. ISBN 978-84-9887-000-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de decembro de 2022. Consultado o 09 de xaneiro de 2023.