Alfonso Graña
Ildefonso Graña Cortizo, coñecido polo nome de Alfonso Graña, nado en Amiudal (Avión) o 5 de marzo de 1878 e finado en Iquitos (Perú) en 1934, foi un aventureiro e explorador galego, coñecido tamén polo alcume de rei dos xívaros ou de Alfonso I do Amazonas.[1]
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de marzo de 1878 ![]() Amiudal, España ![]() |
Morte | 1934 ![]() Iquitos, Perú ![]() |
Causa da morte | cancro de estómago ![]() |
Emperador | |
![]() | |
Actividade | |
Ocupación | explorador ![]() |
Premios | |
![]() ![]() |
Traxectoria
editarA emigración
editarFillo dun xastre da familia dos Chulos de Amiudal, emigrou de mozo ao Brasil, como unha parte dos habitantes da súa parroquia, e estableceuse en Manaos e en Belén do Pará, na selva amazónica. Ao pouco (1910) marchou a traballar o caucho a Iquitos (Perú), e alí permaneceu unha década. Fixo unha fonda amizade con Cesáreo Mosquera Chousal, outro emigrante e aventureiro que fora soldado en Filipinas e que vivía no departamento peruano de Loreto do negocio dunha libraría. Mosquera foi unha das principais fontes de coñecemento da vida de Graña.
Sobre 1920 a produción mundial do caucho entrou en crise, os prezos derrubáronse. Alfonso Graña marchou cara á selva e deixou a civilización á procura dun futuro mellor. Algunhas fontes sinalan que marchou para agocharse logo de asasinar o seu patrón caucheiro. Acompañábao nesa viaxe un veciño de Abelenda (Avión), de que non se garda o nome.
A selva
editarNa selva tomou contacto cunha tribo de indíxenas xívaros huambisas e aguarunas, que presumibelmente mataron o seu acompañante e prendérono a el. Segundo a súa propia historia, a filla do xefe xívaro namorou del a primeira vista e por iso non o executan. O certo é que a relación co pobo xívaro foi moi intensa, ata o punto de suceder o xefe cando morreu. A partir dese momento, a finais dos anos vinte, Alfonso Graña converteuse en líder e fixo incursións na cidade canda eles para acudir a servizos, ir ao médico, comerciar…
Ese liderado levouno tamén a negociar coa empresa estadounidense Standard Oil a realización de sondaxes á procura de petróleo dentro do territorio controlado polos indíxenas, que podemos crer o comprendido entre os ríos Nieva, Santiago e Alto Pastaza.
A principios dos anos trinta coñeceu o aviador ferrolán Francisco Iglesias Brage, que estaba a preparar unha expedición ao Amazonas, e participou da súa organización. A viaxe foi cancelada finalmente pola Guerra Civil.
O 22 de febreiro de 1933 tres hidroavións do exército peruano, que estaban a participar na guerra de Leticia contra Colombia, víronse obrigados a amarar de emerxencia por culpa dunha treboada. Nesa amaraxe faleceu un dos pilotos, Alfredo Rodríguez Ballón, e dúas das tres máquinas resultaron fatalmente avariadas. O hidroavión sobrevivente engalou cos pilotos e cun mecánico ferido, e Graña e a súa xente encargáronse de transportar polo río os restos dos dous hidroavións así como o cadáver do piloto ata a cidade, polo curso do río Nieva, famoso pola súa perigosidade con rápidos como o Pongo de Manseriche. A raíz dese xesto, Alfonso Graña foi condecorado polas forzas aéreas peruanas e o goberno concedeulle oficialmente a explotación das salinas da selva, algo que xa de feito estaba facendo. O aeroporto de Arequipa leva o nome do piloto.
Da súa relación coa india, da que non se garda nome, sinálase que tivo dous fillos, un neno e unha nena, pero que a nena morreu moi nova. El morreu de cancro de estómago, con 56 anos. Durante ese tempo realizou unha viaxe a Galicia, para visitar a familia, e levou a súa irmá Florinda para vivir con el na selva. Pero aos meses a irmá deixou a selva e estableceuse en Iquitos.
Notas
editar- ↑ "El rey gallego de los jíbaros" El País, 3/12/2006 (en castelán).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alfonso Graña |
Bibliografía
editar- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Fernández Sendín, Maximino. "Ildefonso Graña Cortizo ". Diccionario Biográfico Español, Real Academia de la Historia.
- Fernández Sendín, Maximino (2005). Alfonso I Rey de la Amazonia. Rey de los jíbaros. Edición do autor.
- Allegue, Gonzalo (1992). Galegos: as mans de América. Ed. Nigra.
- Pérez Leira, Lois (2009). Protagonistas de una epopeya colectiva (en castelán) (2ª ed.). Vigo: Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo. ISBN 978-84-936759-8-1.
- Serna, Víctor de la (1933). "Mosquera y Graña, capitanes de la selva". Crónica de la Expedición Iglesias al Amazonas. Núms. 11-12. pp. 6-7. Madrid.
- Serna, Víctor de la (1935). "Gestas de españoles contemporáneos". Diario "Ya".