Albert R. Frey
Albert Romer Frey, nado en Nova York o 17 de febreiro de 1858 e finado na mesma cidade o 16 de febreiro de 1926, foi un numismático estadounidense vinculado á American Numismatic Association.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de febreiro de 1858 |
Morte | 16 de febreiro de 1926 Nova York. Estados Unidos. |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | numismático |
Familia | |
Cónxuxe | Josephine Betts. |
Premios | |
(1924): Medalla Huntington (ANS). (1972) Hall of Fame (ANA). |
Traxectoria
editarAlebrt R. Frey naceu o 17 de febreiro de 1858 en Nova York, nunha familia con ascendencia francesa e alemá. Cursou o seu ensino secundario no College of the City of New York.[1][2] Xa na súa adolescencia comezou a interesarse tanto pola numismática como pola filatelia, temas nos que afondou dun xeito autodidacta, xunto con outros como as linguas clásicas e modernas, a filoloxía, a matemática ou a exiptoloxía.[3][4][5]
Logo de encargarse da catalogación de libros na Astor Library e de dirixir unha escola en Lyndhurst, Long Island,[5] traballou durante tres décadas na Casa da Alfándega de Nova York.[1][2][4]
Frey foi un gran coleccionista de moedas e medallas e estruturou a súa colección con criterio temático, con intereses moi variados: moedas obsidionais e emisións de necesidade, figuras de elefantes, o mundo do tabaco, o xadrez, a imprenta o teatro, Shakespeare...[4] Paralelamente á súa colección de moedas foi compondo unha nutrida biblioteca numismática.[2][6]
Na Exposición de San Luís de 1904, Frey expuxo unha apreciable colección de moedas obsidionais entre as que destacaban series completas do asedio de Groninga de 1672 e outras escollidas pezas emitidas en Suecia, en Salzburgo, en Leiden e en Frisia occidental.[7]
Frey estivo moi vinculado á American Numismatic Association (ANS), na que ingresou en 1900 e na que exerceu primeiro como vicepresidente (1901-1904) e finalmente como presidente, entre o 5 de outubro de 1904 e o 4 de setembro de 1907, con Farran Zerbe como vicepresidente.[8] Xunto con Howland Wood foi o encargado de redactar os novos estatutos da ANA en xuño de 1907 e, a partir de 1911, encargouse tamén da edición do seu xornal, The Numismatist, no que xa colaboraba desde 1901.[1][2][5] Nesta publicación mantivo unha columna propia baixo o título "New York Numismatic Notes", na que se ocupaba dos resultados das poxas numismáticas en Nova York.[9]
Ademais da ANA, Albert R. Frey foi fundador de Club Numismático de Nova York (1908), o seu primeiro vicepresidente (1908-1919) e finalmente presidente (1919-1921).[5][10][11] Este club honrou a Frey coa emisión dunha medalla conmemorativa en 1924, obra do gravador J. M. Swanson e cuñada na Medallic Art Company, cunha tiraxe de 20 exemplares de prata e 30 de bronce.[2]
Frey tamén foi membro da American Numismatic Society (ANS) de Nova York (1910) e doutras sociedades de varios países europeos, como a Sociedade Numismática Austríaca (1903), a Royal Numismatic Society, de Londres (1905) e a Sociedade Real de Numismática de Bélxica (1907).[5][11][12]
Á parte de numerosos artigos en diversas revistas numismáticas da súa época, a súa obra máis sobranceira foi A Dictionary of Numismatic Names, elaborada logo de 15 anos de investigación.[6] Este dicionario publicouse inicialmente como colaboración no volume L do American Journal of Numismatics e posteriormente, dada a súa repercusión no ámbito numismático, editada como libro en 1917 pola American Numismatic Association, con reimpresións en 1947, 1973 e 1978.[8]
Á marxe da súa actividade no ámbito numismático, Frey foi un investigador da vida e da obra de Shakespeare, sobre o que publicou varios artigos. Foi un dos fundadores da Sociedade Shakespeare de Nova York, na que ocupou o posto de vicepresidente e, nas tres derradeiras décadas da súa vida, secretario.[5][10]
Vida persoal
editarAlbert Romer Frey estivo casado con Josephine Betts, con quen tivo unha filla.[1][2]
Recoñecementos
editar- (1924): Medalla Huntington, da American Numismatic Society, de Nova York.[13]
- (1972): Elixido membro do Hall of Fame da American Numismatic Association.[10][14]
Publicacións
editarEsta é unha escolma dos traballos monográficos máis salientables publicados por Albert R. Frey ao longo da sús traxectoria:.[15][16]
- (1886). William Shakespeare and alleged Spanish prototypes. New York Shakespeare Society.
- (1887). Sobriquets and nicknames. Whittaker, Nova York.
- (1901). The copper coins of the United States [...]. Froussard, Nova York.
- (1914). The dated Eurinternet archive
- opean coinage prior to 1501. American Numismatic Society, Nova York.
- (1917). A dictionary of numismatic names. Their official and popular designations. American Numismatic Society, Nova York.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 NUM (1951). Páxina 269.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Smith, P. (2020).
- ↑ Ogilvie, J. W. (1961). Páxina 920.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.064.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 NUM (1926). Páxinas 184-185.
- ↑ 6,0 6,1 NUM (1926). Páxinas 173-74.
- ↑ Cervin, D. R. (1980). Páxinas 1.064-1.065.
- ↑ 8,0 8,1 Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.065.
- ↑ Ogilvie, J. W. (1961). Páxinas 920-921.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.068.
- ↑ 11,0 11,1 Ogilvie, J. W. (1961). Páxina 922.
- ↑ Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.067.
- ↑ "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association.
- ↑ "Frey, Albert R. (Albert Romer) 1858-1926". WorldCat Identities.
- ↑ "Frey, Albert Romer 1858-1926 Arquivado 29 de novembro de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Cervin, D. R. (1980). "Albert R. Frey, Numismatist". En En The Numismatist. Marzo. Páxinas 1.062-1.068.
- Smith, P. (2020). American Numismatic Biographies. Páxina 137.
- NUM (1926). "Albert R. Frey". En The Numismatist. Abril. Páxinas 173-174, 184-185.
- NUM (1951). "Biographical notes: Albert Romer Frey". En The Numismatist. Marzo. Páxinas 269-270.
- Ogilvie, J. W. (1961). "Albert R. Frey. Sixth President, 1905 to 1907". En The Numismatist. Xullo. Páxinas 920-922.