Agnes Arber
Agnes Robertson Arber, nada en Londres o 23 de febreiro de 1879 e finada en Cambridge o 22 de marzo de 1960, foi unha botánica e historiadora da ciencia británica.
Traxectoria
editarAgnes Arber naceu en Londres en 1879. Foi a primeira filla do artista Henry Robert Robertson e de Agnes Lucy Turner. Tivo tres irmáns máis novos: Donald Struan Robertson (1885-1961, que foi profesor emérito de grego en Cambridge), Janet Robertson, pintora retratista, e Margaret Robertson (de casada, Margaret Hills), destacada sufraxista e política local. O seu pai deulle clases de debuxo durante a infancia, coas que adquiriu as habilidades necesarias para ilustrar ela mesma as súas publicacións científicas.[1] Varios membros da familia materna, Agnes Lucy Turner, eran personalidades intelectuais como John Davidson (1797-1836) ou George Fownes (1815-1849), membros de Royal Society.
Agnes Robertson cursou os seus estudos na North London Collegiate School for Girls onde o ensino das ciencias tiña unha gran reputación e axiña se apaixonou pola botánica. Descubriu aos trece anos a pequena obra Plant Life de George Edward Massee (1850-1917) e ao mesmo tempo a obra de Goethe (1749-1832), que foi unha das grandes paixóns da súa vida.<[2] Durante a súa escolaridade, descubriu unha edición de 1578 de Lyte's Herbal, tradución ao inglés da obra de Rembert Dodoens (1517-1585) sutilmente ilustrado. Este descubrimento incitoulle a interesarse pola historia dos primeiros herbarios impresos e en 1912 publicou unha obra fundamental da historia das ciencias, Herbals, their origin and evolution.[3]
Grazas ao club científico da súa escola atopou a botánica Ethel Sargant (1816-1918). Esta especialista na anatomía dos embrións vexetais posuía un laboratorio privado no que convidou a moza Agnes a pasar as súas vacacións e onde lle ensinou microtécnicas empregadas para preparar espécimes de plantas para seren examinadas no microscopio.[3] En 1897 ingregou no University College de Londres. Seguiu en particular os cursos de Francis Wall Oliver (1864-1951) e de Arthur George Tansley (1871-1955). Obtivo o seu Bachelor of Science en 1899. Entón entrou no Newnham College de Cambridge onde recibiu clases de Albert Charles Seward (1863-1941), Harry Marshall Ward (1854-1906), Frederick Frost Blackman (1866-1947), Francis Darwin (1848-1925) e Edward Alexander Newell Arber (1870-1918). Un dos profesores que tivo maior influencia nela foi William Bateson (1861-1926) que contribuíu ao redescubrimento dos traballos de Gregor Mendel (1822-1884). Despois de traballar conxuntamente con Ethel Sargant e que publicase con ela un artigo sobre os xermes das herbas, entre 1903 e 1908 estudou no University College con F.W. Oliver. Interesouse entón polas ximnospermas actuais e fósiles.[1]
O 5 de agosto de 1909 casou co seu antigo profesor E.A.N. Arber, nove anos máis vello ca ela e docente de paleobotánica en Cambridge. Deste matrimonio naceu un fillo, Muriel, en xullo de 1912. O seu sogro foi o profesor Edward Arber (1836-1912), especialista en literatura inglesa antiga.
Despois da publicación do seu libro Herbals (1912), publicou numerosos artigos en Annals of Botany e en The Botanical Gaceta. En 1920, Arber publicou un libro sobre as plantas acuáticas,[4] Water plants: a study of aquatic angiosperms. Retomou un proxecto iniciado por Ethel Sargant,[3] un manual de botánica titulado The Monocotyledons[1] que apareceu en 1925 con 140 ilustracións feitas por ela. Na década de 1930 comezou unha serie de estudos sobre a estrutura floral.
Durante a segunda guerra mundial, consagrouse a estudos máis xerais como The Natural Philosophy of Planta Form (1950) e sobre todo The Mind and the Eye, a Study of the Biologist's Standpoint (1954). Agnes Arber diferenciaba entre a natureza da investigación biolóxica e como unha especialista observa o que estuda.
Honras
editarFoi designada membro da Sociedade Linneana de Londres (1908), participando no seu comité director de 1915 a 1919. Foi correspondente estranxeira da Botanical Society of America (1942) e membro da Royal Society (1946), sendo a terceira muller en recibir esa honra. Tamén recibiu a medalla linneana en 1948. Supervisou a publicación da obra botánica de Goethe en 1946 e de Nehemiah Grew (1641-1712).
Abreviaturas
editarA abreviaturas A.Arber empréganse para recoñecer a Agnes Arber como autoridade na descrición en taxonomía en botánica.[5]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Hanshaw Thomas, H. (1960) "Agnes Arber, 1879–1960 Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society Vol.6 (Nov 1960)
- ↑ Packer, K. (1997) Notes and records on the Royal Society of London Vol.51, No.1
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Schmid 2001.
- ↑ Wylie, R.B (1922) 'Review: Biology of Aquatic Plants' Botanical Gazette, Vol.74, No.2
- ↑ International Plant Names Index
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Agnes Arber |
Bibliografía
editar- Godwin, Harry (1970). "Arber, Agnes Robertson". Dictionary of Scientific Biography 1. Nova York: Charles Scribner's Sons. pp. 205–206. ISBN 978-0-684-10114-9.
- Schmid, R (decembro de 2001). "Agnes Arber, née Robertson (1879–1960): Fragments of her Life, Including her Place in Biology and in Women's Studies". Annals of Botany 88 (6): 1105–1128. doi:10.1006/anbo.2001.1553.
- Stearn, W. T. (decembro de 1960). "Mrs. Agnes Arber: Botanist and Philosopher, 1879 - 1960". Taxon (Reimpresión do obituario en The Times. 24 de marzo de 1960) 9 (9): 261–263. JSTOR 1217828. doi:10.1002/j.1996-8175.1960.tb02799.x.
- Friend, Peter (2012). "Muriel Agnes Arber, 1913–2004" (Obituary). The Geological Society. Consultado o 9 de febreiro de 2017.
- Schmid, Rudi (maio de 2008). "Agnes Arber and other early women botanists". Consultado o 9 de febreiro de 2017.
- Arber MA. 1968. List of published works of Agnes Arber, E. A.N. Arber and Ethel Sargant. Biographical notes by W. T. Stearn. Journal of the Society for the Bibliography of Natural History 4:370–384